Escoitar

O goberno de Vigo comprométese co “problema central da vivenda”

No balance do primeiro ano de acción do seu goberno, Abel Caballero deu conta da construción de 27 vivendas a prezo taxado en Esturáns e da próxima construción de 88 vivendas en Barreiro.

mércores, 19 xuñ 2024

“A vivenda é un problema central pero, desafortunadamente, non é unha competencia municipal”, indicou Caballero censurando o atraso do goberno autonómico na construción de nova vivenda en Navia.

Sobre o alugamento de vivendas, o alcalde cifrou en 13.000 o número de domicilios deshabitados na cidade referíndose ao programa que o Concello está desenvolvendo para incentivar aos propietarios a realizaren melloras e poñer en alugamento as propiedades baleiras.

Nestes momentos, o goberno municipal está construíndo “27 vivendas a prezo taxado, que sairán a concurso, en Esturáns” e que se están desenvolvendo coa axuda de fondos europeos. Amais, está en marcha a construción dun complexo dotacional e de vivendas de protección pública en Barreiro, en Lavadores, con 88 vivendas “para a mocidade que non pode mercar ou alugar un piso”.

Servizos Sociais

Na área de Política Social, Abel Caballero destacou a posta en marcha do novo Centro Municipal de Educación en Rúa Alta e a renovación do Centro municipal de Servizos Sociais e centro multiusos da Praza da Princesa, no que “1.000 persoas reciben formación”. Destacou o funcionamento do albergue municipal de Marqués de Valterra, cun investimento anual de 1.250.000 euros “que tería que pagar a Xunta”. Apuntou que “ninguén durme na rúa se non quere" porque sembre se busca alternativa no caso de que o albergue estea cheo.

O programa municipal de avellentamento activo, o apoio a familias vulnerables coa asistencia ás nais traballadoras que precisan axuda para coidar aos fillos, os coidadores de barrio, alternativas de ocio para persoas con discapacidade, son outros dos programas que puxo en valor o rexedor no repaso á acción de goberno do primeiro ano de mandato.

Deportes

O orzamento municipal de Deportes medrou nun 25% este ano, acadando os 18 millóns de euros, “e imos seguir aumentándoo”, avanzou o alcalde”. O rexedor repasou algunhas das accións destacadas nesta área: o apoio ao Marisquiño, a Copa do Mundo de Paratríatlon e Copa de Europa de Paratríatlon ou a actividade da Fundación Vide, con 3 millóns de euros en investimentos, melloras e mantemento de instalacións deportivas e 8 millóns de euros dedicados a subvencións a entidades e eventos deportivos así como aos programas municipais de deportes (piscinas, escolas deportivas, RunRun Vigo).

Ao respecto da área de Igualdade, apuntou Caballero que o Concello de Vigo é "unha referencia. Atendemos a familias vítimas de violencia de xénero cun centro de emerxencia” que presta atención a mulleres de toda Galicia.

 

Descargar todas as imaxes