Escoitar

Vigo iniciará a temporada dos concertos de verán co Auditorio de Castrelos mellorado

O alcalde anunciou este martes que o Auditorio de Castrelos arrincará o 13 de xullo a temporada de concertos de verán con importantes melloras nas condicións de benestar e seguridade tanto do público como dos artistas. Caballero avanzou que o Concello destina 50.000 euros ás intervencións nas bancadas e no escenario.

martes, 18 xuñ 2024

O Concello realiza 14 actuacións no Auditorio de Castrelos para mellorar tanto a bancada como a área do escenario, que estarán listas o 13 de xullo para o concerto de Dani Fernández co que arrincará a campaña de espectáculos deste verán.

Abel Caballero explicou hoxe que as obras mellorarán os accesos entre a platea e a bancada para facilitar a actuación dos servizos de emerxencia, se é necesario acceder á bancada, así como a evacuación do público. Ademais, renovaranse os aseos femininos e instalarase unha varanda lateral no norte da bancada.

As intervencións en marcha contemplan cambiar unha porta corredeira do extremo sur da área de carga e descarga por un valo modular desmontable de fácil manexo polo persoal dos espectáculos. Tamén se mellorarán as escaleiras laterais xunto aos camerinos norte e sur. A isto súmase que haberá novos puntos de acceso para o escenario, e que se impermeabilizará o tellado do centro de transformación para dar maior seguridade nos concertos. Ademais, melloraranse as instalacións eléctricas dos semisotos.

O proxecto inclúe adecuar as instalacións que producen auga quente para os vestiarios, camerinos e aseos. Tamén se consolidarán as bancadas que están afundidas, así como os muros do escenario.

“Todo preparado para os grandes concertos de Castrelos de 2024”, recalcou o rexedor.

 

 

Descargar todas as imaxes