Escoitar

Exposición sobre debuxos inéditos de Laxeiro

A Fundación Laxeiro presenta unha exposición na que se amosan pezas que por primeira vez poden ser contempladas polo gran público dende o día 17 de outubro ata o 7 de decembro na sede da Fundación da Casa das Artes. Formada por debuxos procedentes de coleccións particulares, froito do traballo de catalogación que a Fundación está a levar a cabo desde o ano 2000, a mostra está composta de trinta pezas pertencentes á súa primeira época.

mércores, 15 out 2003
1066220916laxeiro.jpg
Debuxo de Laxeiro
A exposición está estructurada en dúas partes: a primeira que recolle debuxos e bocetos da década dos anos trinta, un tempo decisivo na súa traxectoria, tanto vital como artística, xa que nestes anos organizou a súa primeira exposición individual, coñeceu a compañeiros de xeración, como Seoane e Maside, participou na Guerra Civil, onde trabaría amizade con Celso Emilio Ferreiro, viaxaría a Madrid, para estudiar na Academia de San Fernando, casaría, e tería a súa filla. Unha década chea de vivencias plásticas e vitais que iría conformando a súa personalidade e na que se afirmaría como unha das figuras fundamentais da Renovación plástica galega.

A segunda parte da mostra, está centrada en pezas pertencentes á década dos anos corenta, na que a súa versatilidade debuxística acada momentos interesantes, tanto no traballo retratístico que o artista traballou durante toda a súa vida, como abordando outros temas, sempre relacionados co mundo da cotidianeidade, combinados con apuntes e retazos de elementos do pensamento máxico tradicional que tan ben soubo reflectir na súa obra maior.

Maternidades, personaxes da vida cotiá, paisaxes rurais, retratos e algún tema relacionado co mar, producto da súa estadía en Vigo a partir do ano 1942, completa a temática da Mostra. É curioso comprobar de primeira man, como o artista traballaba o que logo serían cadros sobre tela, combinando a espontaneidade do seu xeito de debuxar, sempre resolutivo e rápido, con reflexións na busca de resolución de problemas técnicos.

Nestes debuxos hai xa exemplos de influencias do Picasso da época neoclásica, tan fundamental na consecución da súa "estética granítica", así como bocetos de cadros tan senlleiros como "Entroido" do ano 1947 que se pode ver no Museo Maside en Sada.

Con esta mostra, a Fundación Laxeiro principia a súa tempada de outono, achegándonos ó aspecto máis íntimo do Mestre de Lalín, o debuxo sobre papel, mediante a aplicación de tintas, lapis ou sanguina. Unha das técnicas que Laxeiro máis utilizou, quizais ben coñecida polos afeccionados máis achegados á figura do artista, pero non demasiado familiar para a maioría do público.

A mostra permanecerá aberta ata o 7 de decembro.
Descargar todas as imaxes