Escoitar

O CAT programa actividades didácticas para os escolares

Patrimonio Histórico oferta ós colexios actividades no Centro de Artesanía Tradicional, dentro dun programa feito expresamente para os alumnos de seis a catorce anos que lles permitirá coñecer e participar do patrimonio cultural dos oficios artesáns.

martes, 14 out 2003
O CAT (Centro de Artesanía Tradicional) comeza o día 15 coa programación didáctica dirixida a comunidade educativa de Vigo e a súa área metropolitana. Con esta programación proponse que os/as nenos/as coñezan e valoren o legado da tradición a través dunha realidade como é a artesanía. Unha realidade que encerra un patrimonio cultural, en moitos casos en vías de extinción. Por iso, considérase que as idades máis axeitadas ás finalidades expositivas deste centro son as dirixidas aos grupos de Educación Primaria (6-12 anos) e de Educación Secundaria Obrigatoria (12-14 anos) pois é nestas etapas cando se debe desenvolver a capacidade do pensamento lóxico e a do coñecemento do contorno social e natural do alumnado.

As visitas previamente concertadas telefonicamente terán unha duración de 90 minutos e serán guiadas por unha monitora de luns a xoves. Entre as capacidades a desenvolver están a de coñecer, valorar e respectar os bens artísticos e culturais así coma coñecer as actitudes e valores básicos da nosa tradición e patrimonio cultural.

O CAT tamén oferta visitas para aqueles grupos que estean interesados en coñecer este centro, para o que deberán concertar a visita con antelación.

Aqueles colexios, entidades ou asociacións interesados en visitar o CAT deberán chamar o número de teléfono: 986 22 07 58 en horario de 10:00 a 14:00