Vigo comeza as actividades do 8M coa proxección de “Excluídas do paraíso” no MARCO
O alcalde sinala que “se pon de releve a importancia do Día Internacional da Muller e o proceso de igualdade no mundo” con esta e outras actividades que se desenvolverán o 8M. A proxección de “Excluídas do paraíso” será no Salón de Actos do MARCO o martes 5 de marzo ás 19 horas.
Abel Caballero anunciou a primeira das actividades programadas con motivo do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller: a proxección do documental “Excluídas do paraíso” (2016), producido e dirixido por Esther Pérez de Eulate. A reprodución terá lugar no Salón de Actos do MARCO o martes 5 de marzo ás 19 horas.
O alcalde puxo de manifesto a importancia do 8M: “Poñemos de releve a importancia do que significa o proceso da igualdade no mundo e a reivindicación da mobilización en favor da igualdade en todo Vigo”.
Excluídas do paraíso é unha longametraxe documental que pon ao descuberto algunhas das formas de opresión do sistema patriarcal que persisten en occidente hoxe en día, en particular na sociedade española. Coa participación das pensadoras feministas: Ana de Miguel, Ochy Curiel, Pablo Chamas, Pilar Aguilar, Remedios Zafra, Rosa Cobo, Soledad Murillo e Yayo Herrero.
O documental articúlase en dous niveis de narración: un teórico -a través de entrevistas a pensadoras feministas-, e outro visual con imaxes aparecidas nos medios e que reafirman a ideoloxía do patriarcado. A idea é dotar de discurso crítico ás imaxes que nos tragamos diariamente e que sustentan a desigualdade. O tratamento é ameno, con creatividade, pero non exento de rigor.
A entrada é de balde ata completar aforo. As persoas inscritas no club de lectura do MARCO ou da Biblioteca Municipal Neira Vilas poden reservar praza desde o 27 de febreiro ata o 4 de marzo no enderezo centro.documentacion@marcovigo.com indicando o seu nome e apelidos, ou no teléfono 886 129 426.