Vigo recibe a Mención Honorífica nos Premios Nacionais de Comercio Interior 2023
O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa recoñeceu o traballo do Concello polas actuacións de renovación urbana comercial. O alcalde amosou a súa satisfacción pola Mención Honorífica por parte do Goberno de España pola potenciación do comercio e mercados “coa atracción de millóns de visitantes durante o Nadal”. Con motivo destas festas, o goberno local vén de aprobar a ampliación do horario comercial nos servizos de restauración, hostalería e ocio a madrugada do 1 e 6 de xaneiro.
Vigo vén de recibir unha Mención Honorífica nos Premios Nacionais de Comercio Interior 2023, na categoría de concellos, polas actuacións de renovación urbana comercial. Abel Caballero amosou a súa satisfacción polo recoñecemento do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, que outorgou o premio ao labor municipal, nun premio compartido coas cidades de Madrid e Bilbao.
“Potenciamos o comercio e os mercados con millóns de visitantes durante o Nadal que reforzan a hostalería e comercio”, manifestou o rexedor, que tamén citou como “épocas de gran afluencia” a celebración da Reconquista e Semana Santa ou propio verán.
Ampliación horarios servizos
Como vén sendo habitual, o goberno local asinou a ampliación dos horarios dos locais de restauración e ocio, en dúas horas, a madrugada do 1 e 6 de xaneiro. Isto inclúe os restaurantes, os salóns de banquetes, cafeterías e bares, así como salas de festa, discotecas, pubs, cafés-espectáculo e furanchos.