O Concello urxe á Xunta cambios na Lei de Inclusión Social para permitir o cobro do RISGA e do Ingreso Mínimo Vital
A Corporación Municipal reclama ao goberno galego que invista nos 49 colexios públicos de Vigo para mellorar os niveis de calidade e afrontar os novos retos educativos
O Pleno do Concello de Vigo, cos votos dos edís do PSdeG-PSOE e do BNG, insta á Xunta de Galicia a modificar a Lei Galega de Inclusión Social para eliminar a incompatibilidade de percibir conxuntamente a Renda de Integración Social co Ingreso Mínimo Vital, así como para que elabore un Plan de Loita contra a Pobreza, con especial atención á infancia.
A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, lembrou na sesión plenaria desta mañá a "desoladora" radiografía da prestación do RISGA en Galicia, con 5.400 beneficiarios a pesar de que os datos da comunidade indican que máis de 544.000 persoas se atopan en situación de pobreza, co que o grao de cobertura desta axuda autonómica é do 1 por cento.
A concelleira, tras lembrar que a renda media do Risga é de 453 euros, fronte aos 820 do País Vasco, e remarcar que desde 2020 a Xunta aforrou 17,2 millóns de euros polo descenso da asignación, pediu que esta cantidade se destine ao plan de loita e choque contra a pobreza infantil.
Melloras en colexios
O grupo municipal socialista pide ao presidente da Xunta que aprobe os investimentos necesarios para que os 49 colexios públicos de Vigo conten con infraestruturas adecuadas á nova realidade educativa e cos mellores niveis de calidade. Así consta na moción aprobada no Pleno desta mañá polo grupo municipal socialista, que contou coa abstención do BNG e o voto en contra do PP.
A responsable da concellería de Educación, Olga Alonso Suárez, detallou que se trata non só de mellorar cubertas, renovar xanelas ou eliminar barreiras arquitectónicas, senón de transformar os espazos docentes en función das novas necesidades. "Queremos que a Xunta faga o que lle corresponde nos centros de Vigo", reclamou a concelleira.
Financiamento para o Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social
A Corporación Municipal acordou esta mañá demandar á Xunta que asuma o financiamento do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social do Concello, lembrando que se trata dunha competencia de ámbito autonómico. A reclamación foi aprobada cos votos dos edís socialistas, a abstención do BNG e o voto en contra do PP.
A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, lamentou que a orde da Xunta do pasado 18 de setembro que fixa as bases que dirixen a concesión de subvencións a entidades locais para programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, deixa "expresamente fóra" as axudas para albergues, centros de acollida, comedores, centros de atención social e centros de inclusión social para persoas maiores, aínda que se contempla apoio económico para as entidades privadas.