Escoitar

O Pleno aproba a actualización das ordenanzas fiscais para 2024

Entrarán en vigor no ano 2024 para o pago durante o segundo semestre do próximo ano. O edil de facenda defendeu esta actualización “para manter as mesmas inversións e servizos”.

luns, 25 set 2023

O Pleno da Corporación aprobou a actualización das ordenanzas fiscais nun 4% para o ano 2024. O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu esta medida “para manter as mesmas inversións e servizos” tras o aumento medio da inflación nun 15% nos últimos tempos. O goberno local mantivo conxeladas as taxas municipais desde o ano 2019. “Seguimos a ter a presión fiscal máis baixa de Galicia e por iso nin tan sequera actualizamos as ordenanzas municipais conforme ao IPC, facémolo nun 4% para manter os servizos á cidadanía”, declarou no pleno o edil.

Deste xeito, Aneiros cifrou a nova taxa do lixo para o 2024 en 92 euros, a de vehículos – os máis pequenos – en 77 euros e un IBI “en ratios razoables”. Amais, explicou que o Concello está a controlar os canon da auga das vivendas baleiras: “Non pode ser que en vivendas onde non hai empadroados o consumo de auga sexa habitual, e por iso adaptamos os tramos”, explicou. O responsable de Facenda tamén puxo de manifesto que a limpeza e recollida do lixo custa a cada cidadán e cidadá 25 céntimos, e que iso só cubre o 64% do custe total do servizo.

Pola súa banda, desde a oposición o Grupo Popular manifestou estar en contra da suba xeral e reclamou axudar á cidadanía “con impostos á baixa”. O Grupo do BNG expresou que “non hai razón para a suba do 4%” e reivindicou “unha fiscalidade xusta”. Na súa réplica, Aneiros invitou ao Partido Popular “a comunicar á cidadanía que servizos ían deixar de prestar sen 30 millóns que o Concello deixaría de recadar coa súa proposta. O seu modelo é Extremadura?”. En resposta ao BNG, manifestou as bonificacións fiscais aos máis vulnerables en 17 millóns de euros.

Liñas fundamentais do Orzamento do 2023

O concelleiro tamén due conta das liñas fundamentais do Orzamento do 2023. O goberno local ten a previsión de rematar o segundo semestre co 92% de execución das contas.

Descargar todas as imaxes