Escoitar

Abel Caballero celebra os datos “récord” de turismo

O INE rexistra o maior número de turistas e pernoctas nun mes de agosto na cidade e o 2023 segue a ser o mellor arranque do ano da serie histórica.

venres, 22 set 2023

O alcalde deu conta dos datos de turismo do mes de agosto publicados polo Instituto Nacional de Estatística no que Vigo bateu récord no número de visitantes totais e turistas estranxeiros. Deste xeito, achegáronse á cidade 56.792 persoas, un 15,4% máis que no 2019 e un 6,19% máis con respecto ao ano pasado. O turismo procedente do exterior medrou un 41,95% con respecto a 2019.

Os datos amosan que agosto de 2023 foi o mellor agosto de toda a serie histórica. O mesmo ocorre co arranque do ano, no período xaneiro-agosto, co mellor rexistro de turistas desde que hai rexistros.

Para Caballero o Nadal “abriu un mundo” para recibir turismo todo o ano. O alcalde celebrou estes datos e louvou ao sector: “Significa hoteis cheos, restaurantes en funcionamento, cafeterías e comercio... os turistas veñen e consumen”, declarou.

O alcalde manifesta que a cidade “debe estar moi orgullosa” de conseguir sumar o sector turístico ao resto de industria que xera traballo nada cidade: “Isto significa milleiros de empregos”, concluíu.

Descargar todas as imaxes