Escoitar

O Proxecto Compás inicia novos cursos de formación para o emprego

O Proxecto Compás-Equal inicia a segunda fase de formación do Proxecto Compás con novas accións de aprendizaxe profesional xestionadas polas entidades asociadas CCOO, CIG, UGT, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, e a Mancomunidade de Vigo.

venres, 26 set 2003
Estes cursos, que empezarán na última quincena de outubro, están dirixidos ás persoas usuarias do Proxecto Compás que, dentro do seu itinerario personalizado teñan previsto desenvolver cursos de formación profesional como os ofertados.

Os cursos, ademais de clases presenciais, disporán de prácticas en empresas ou ben contacto directo con empresas do sector onde os e as participantes poderán poñer en práctica, e nunha situación real, todos os coñecementos adquiridos ó longo da formación, para facilitar a súa posterior inserción laboral.Igualmente, serán complementados con módulos de igualdade de oportunidades e de novas tecnoloxías.

Nesta nova fase que se inicia, poranse en marcha cursos de autómatas programables, tratamento dixital de imaxes mediante Photoshop, fontanería, procesador/a de catering-tapería, deseño e instalación de redes informáticas, operario/a de máquinas de control numérico (CNC), actualización e reciclaxe na rama de administrativo/a de persoal, teleoperadores/as, conductor/a de autobús, este último preferentemente para mulleres. Asemade, levaranse a cabo simuladores empresariais para xente emprendedora.

Todas aquelas persoas da área intermunicipal de Vigo que queiran participar no Proxecto Compás poden informarse chamando ó número gratuíto 900 400 798 de 9 a 11 da mañá de luns a venres, ou ben encontrar máis información no sitio web www.proyectocompas.org.

O Proxecto Compás, que finalizará en xullo de 2004, enmárcase dentro da iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través do deseño e do desenvolvemento de ferramentas e recursos concretos que melloren a ocupabilidade de 700 persoas da área metropolitana de Vigo.