Escoitar

A rexeneración de Samil comezará coa humanización da Avenida

Abel Caballero deu conta da humanización aprobada en Xunta de Goberno que ten un importe de 1,8 millóns e que comezará despois do verán.

xoves, 9 mar 2023
Imaxe da Avenida de Samil onde comezará a humanización.
Imaxe da Avenida de Samil onde comezará a humanización.

O Concello iniciará a rexeneración de Samil despois do verán. Abel Caballero anunciou o inicio da licitación da Fase 1B da recuperación do sistema dunar de Samil, que inclúe a humanización da Avenida. O importe será de 1,8 millóns de euros para o acondicionamento da zona entre o antigo Camaleón e a Punta de Samil.

O alcalde avanzou que as obras comezarán despois do verán e terán un prazo de execución de 9 meses. A actuación na Fase I abarca 450 metros da Avenida, que acondicionarase para convertela nun tramo urbano: “Imos facer accesibles as zonas de aparcamentos en terra, con prazas en oblicuo de 4,6 metros de ancho e unha beirarrúa de 2,5 metros de ancho”.

Na beirarrúa da praia renovarase o pavimento “obsoleto” por outro novo drenante e terá un ancho de 6 metros, cunha saída natural ao paseo que discorrerá polo piñeiral. Realizarase unha plantación de piñeiros, a árbore autóctona, e manteranse os plataneiros na zona da pista de automodelismo.

A humanización inclúe medidas para o calmado do tráfico con pasos de peóns resaltados. Haberá novas luminarias led, renovación de abastecemento e saneamento, nova señalización e mobiliario urbano.

Descargar todas as imaxes