Abel Caballero: “Laxeiro é o máis importante pintor que houbo nunca en Galicia e un dos máis importantes do mundo”
O alcalde avanzou esta mañá a súa vontade de que “Laxeiro e a arte da súa época” viaxe a outras cidades, entre elas, Nova York porque é unha exposición “grandiosa” que transcende nunha visión revolucionaria da cultura. A mostra, inaugurada hoxe no Marco, permanecerá aberta ata o 21 de xullo.
Abel Caballero achegóuse esta mañá á inauguración de “Laxeiro e a arte da súa época", unha exposición novidosa na que se trata de mostrar, por vez primeira, unha selección das súas obras máis destacadas situándoas no contexto da arte da súa época, xunto a pezas doutros artistas que Laxeiro miraba con atención (Ignacio Zuloaga, Jesús Corredoyra, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Carlos Maside, Asorey, Maruja Mallo, Luis Seoane, Torres García), ou que formulan referencias para un rico diálogo visual.
Na súa intervención, Caballero explicou que este era un ano no que “tiñamos que acometer un vello soño: lanzar ao mundo o incomparable talento de Laxeiro”. Pintor que transcende, nunha visión revolucionaria da pintura, necesita de máis espazos. Por eso esta mostra parte dun acerto xeral que é o de establecelo en rupturas de tempos e espazos, con obra de Miró, de Goya...
Na súa opinión, é preciso lanzar Laxeiro ao mundo porque é un creador con tal talento que aguanta a comparación cos mellores talentos do planeta. “Esta grandiosa exposición rompe barreiras e abre fronteiras, temos que facer que Laxeiro cabalgue fronteiras”.
Respecto do futuro, Caballero avanzou que hai proxectos para que esta exposición viaxe ao resto do mundo, non queremos que quede só no Marco, queremos que todo o mundo a vexa, “teño un reto persoal, que chegue a Nova York”. Reiterou que Laxeiro é o máis importante pintor que houbo nunca en Galicia e dos máis importantes do mundo”
A mostra permanecerá aberta ata o 21 de xullo de 2023.