O goberno municipal esparexe sal nas vías con risco de xeadas
O alcalde detallou na rolda de prensa deste mércores o protocolo municipal de actuación e prevención de accidentes por xeadas que vén de activarse ante as baixas temperaturas da cidade estes días.
Tal e como informou Caballero, a pasada noite, foi necesario actuar na Vía do Tranvía e o Concello seguirá con atención a necesidade de activar o protocolo nas vías nas que sexa preciso facelo pola climatoloxía. “Estamos moi atentos para evitar a perigosidade, na medida do posible, coa recomendación de moita cautela” ante as temperaturas moi baixas e as noites frías, polo que a posibilidade de xeo é elevada.
O plan de actuación contempla o esparexemento de sal nos tramos de estrada nos que exista unha humidade superior ao 75% e nos que estea previsto un descenso de temperatura por baixo dos 2°C. Cando esta situación se detecta, o Concello estendemos o sal á tardiña nas estradas, antes da baixada de temperaturas da noite, e ao amencer, para evitar a formación de placas de xeo. Os sacos de sal son transportados en camións e faise a distribución de xeito manual.
O rexedor deu conta das zonas de atención do protocolo: Beade, zona de Balde; Estrada de Bembrive (na curva existente tras pasar a subida San Cibrán; a Estrada de Bembrive, na curva anterior ao carreiro do río Eifonso, en sentido Beade; Estrada da Vía; Estrada do Freixo coa ponte da VG20; Matamá Pazo Nº152; Avenida Ponte con rúa Alza; Estrada de Sobreira con Estrada Porto; na estación do tren na rúa Areal, na rotonda da Praza España (fundamentalmente pola auga procedente da escultura); na rotonda da rúa Miradoiro con Baixada Castaño; en Travesía de Vigo, á altura do 152 e na rúa Areal, na zona de Comandancia.