Escoitar

Vigo roza o cheo nos hoteis na fin de semana

Abel Caballero deu conta en rolda de prensa da ocupación hoteleira do pasado fin de semana que cifrou no 94%. En materia turística tamén avanzou que a compañía AirNostrum operará a 5 destinos no verán de 2023 desde o Aeroporto de Vigo sen recibir subvención.

luns, 28 nov 2022

A ocupación hoteleira na fin de semana foi do 94%, “practicamente o cheo total, petámolo”, dixo o alcalde en rolda de prensa. Abel Caballero lembrou que o mes de outubro foi o mellor da serie histórica tanto en visitantes como pernoctacións.

Caballero tamén dixo en rolda de prensa ter recibida a notificación de que a compañía AirNostrum operará desde Vigo a 5 destinos na temporada de verán. A cidade suma así voos para 2023 a Palma de Mallorca, Ibiza, Menorca, Lanzarote e Gran Canaria. “É un feito significativo relacionado co despegue turístico da cidade. Estes voos non teñen ningunha subvención municipal”, afirmou o rexedor. A aeroliña tamén unirá Vigo e Santander con dous frecuencias semanais subvencionado polo Goberno de Cantabria, xesto que agradeceu o rexedor. Vigo e Bilbao tamén están conectadas durante todo o ano por AirNostrum.

Ademais destes voos, desde o Aeroporto de Vigo operan a Madrid Iberia e Air Europa, a Barcelona Ryanair e Vueling, a Tenerife Norte Binter e Iberia Express e a Gran Canaria Binter.

Descargar todas as imaxes