Escoitar

Caballero insta á Xunta a asinar o convenio que garanta a construción do instituto de Navia

O rexedor volveu insistir en que a única maneira de garantir a construción do IES de Navia é a sinatura dun convenio que obrigue á Xunta a executalo. Lembrou que a inclusión desta dotación nos orzamentos autonómicos non asegura a construción como demostra que o feito de que no ano 2021 e 2022 xa apareceron partidas que nunca se executaron.

martes, 18 out 2022

Abel Caballero reiterou esta mañá a necesidade de asinar un convenio como única vía de que a Xunta se comprometa realmente con prazos e orzamentos de cara á construción do instituto de Navia. En rolda de prensa, lembrou os catro anos que Vigo leva demandando esa dotación educativa ata que se conseguiu que o goberno autonómico recoñecera a súa necesidade para evitar que os estudantes teñan que desprazarse 8,5 km para ir a clase.

O alcalde criticou as declaracións públicas nas que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, aseguraba que esta dotación xa estaba no orzamento da Xunta e recriminoulle que non se executaran as partidas que aparecían nas contas de 2021 e 2022 para elaborar o proxecto. Aparecer nos orzamentos non obriga para a administración, explicou, o que si o fai “é asinar un convenio e senón o queren rubricar é porque non queren construír o instituto”, recalcou.

Na súa intervención, aceptou as cantidades orzamentadas e incluso os prazos avanzados onte pola Xunta, asegurando que sen convenio non hai garantía. Neste punto, lembrou exemplos de “enganos” da Xunta referíndose ao Centro de saúde de Bouzas, para o que o Concello cedeu os terreos en 2008 sen que mediara convenio e o resultado foi que a dotación sanitaria rematou en 2021 e moito máis pequena do previsto; tamén aludiu á Cidade da Xustiza para a que o Concello se viu obrigada a expropiar terreos que a Xunta nunca usou por valor de 3,5 millóns ou o Ifevi, xa que o Concello comprou os terreos para a ampliación dos pavillóns 4 e 5, sen que nunca se teña en conta esta achega.

Descargar todas as imaxes