O Concello incorporará 6.144 vivendas de Coia ao programa de rehabilitación de vivendas
O alcalde avanzou a aprobación, no próximo Consello da Xerencia de Urbanismo, da declaración de “Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP)” en Coia e outros ámbitos da cidade, ata un total de 12, que permitirá executar actuacións financiadas con fondos do Goberno de España.
A Xerencia de Urbanismo dará luz verde este martes 4 de outubro á declaración de “Contorna residencial de rehabilitación programada de Coia” ao amparo do Real Decreto que regula os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Segundo avanzou o alcalde, “Vigo vai optar” co número máximo de vivendas que poden ser rehabilitadas con cargo aos fondos europeos.
Abel Caballero explicou que poderán acollerse ás axudas o barrio ou zona delimitada das cidades que teña polo polo menos o 50% da superficie construída ocupada por vivenda susceptible de ser rehabilitada. O Concello, no caso de Vigo, propoñerá incluír o Grupo de Vivendas de Coia, construídas entre os anos 1961 e 1983, que suma 6.147 vivendas. Adicionalmente propoñerá incluír as vivendas de Fenosa, A Salgueira, Gorxal, Alcalde Lavadores, Canicouva e Escolas Públicas.
“Imos incorporar ao programa todas estas zonas de 12 ámbitos da cidade” para poder realizar actuacións de restauración, conservación, rehabilitación, obras exteriores ou a retirada de produtos que conteñan amianto, sinalou o alcalde.
En canto á contía das axudas, en función dos ingresos da unidade familiar, o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España subvencionará entre o 40 e o 60% das actuacións cunha cantidade máxima de entre 8.100 e 21.400 euros. No caso de vulnerabilidade dos propietarios, cunha achega autonómica, a subvención poderá acadar entre o 60 e o 100% da obra cunha contía que vai desde os 12.000 euros ata os 26.700 euros.