Escoitar

Abel Caballero: “Fomos capaces de converter Vigo nunha referencia turística mundial”

O mes de setembro alcanzou unha ocupación hoteleira media de 80,8%, superando en 9 puntos porcentuais a de 2021 e nun 6,3% a cifra de 2019.

luns, 3 out 2022

O rexedor vigués deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa os datos de ocupación hoteleira, que a pesar de ser “un fin de semana de temporada baixa, os hoteis de Vigo tiveron unha ocupación do 77,5%”.

Os datos medios globais do mes de outubro reforzan as cifras ascendentes que ten o sector turístico na cidade. Os datos mostran un crecemento de 9 puntos porcentuais, sobre as cifras de 2021, cun 71,8%, e elevándose un 6,3% sobre as cifras alcanzadas en 2019, que foron de 74,5%. Caballero sinalou que “Vigo xa está en niveis de ocupación hoteleira das grandes urbes españolas”, por iso “cando paseamos polas rúas están cheas de turistas”.

Transformación VigoZoo

Esta mañá tamén aproveitou o alcalde para anunciar a prórroga do contrato do servizo de atención e control de acceso ao público nas instalacións de VigoZoo, aprobada na Xunta de Goberno Local do pasado xoves. O alcalde tamén falou do proceso de transformación deste espazo “para convertelo nun gran centro de ocio medioambiental da cidade”, recalcando que “non terá máis animais salvaxes en cativerio”.

No futuro, acollerá un gran miradoiro á ría, planetario, zona de tirolina que conecta coa zona de fauna exterior e unha gran área de divulgación da conservación. O obxectivo final destes cambios é converter a VigoZoo nun referente no campo da divulgación e educación ambiental.

Descargar todas as imaxes