Escoitar

O alcalde avanza a construción de dous novos pavillóns deportivos en Beade e Bembrive

Tal e como apuntou na rolda de prensa deste venres, o goberno municipal iniciará o procedemento para erguer as novas instalacións. Amais informou da inauguración do pavillón de Quirós, en Sárdoma, este sábado 1 de outubro.

venres, 30 set 2022
O rexedor en rolda de prensa este venres
O rexedor en rolda de prensa este venres

O novo pavillón municipal de Quirós entrará en funcionamento desde mañá sábado, primeiro de outubro, logo dun investimento de 3,2 millóns de euros no marco do convenio coa Deputación de Pontevedra para a mellora de instalacións deportivas.

Abel Caballero explicou que a obre permitiu urbanizar un total de 7.000 metros cadrados, dos que 4.000 serán para espazos exteriores e zonas verdes, mentres o pavillón ten 2.400 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas, contará con ximnasio e dous rocódromos (un interior e outro exterior), 4 vestiarios para equipos e dous para monitores e árbitros e unha bancada para 400 espectadores. Dispón de megafonía e marcador electrónico e unha pista central e tarima flotante con acabado en madeira. O espazo completarase cunha sala deportiva multiusos e un rocódromo para actividades de aprendizaxe.

Tal e como sinalou o rexedor, este novo pavillón únese aos realizados desde que é alcalde, como o de Romil, que estará a disposición do colexio Fleming en horario escolar, como acordou o goberno municipal co centro educativo.

Amais, o Concello seleccionará unha zona dentro do Plan de Ordenación Municipal para construír dous pavillóns deportivos adicionais, un en Bembrive e un Beade, mantendo o actual pavillón situado na zona de confluencia das dúas parroquias.

Descargar todas as imaxes