Escoitar

O goberno municipal adxudica a humanización dun tramo da Avenida de Castelao por máis dun millón de euros

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación das obras entre Martín Echegaray e Darío Durán que renovará a rúa no “estándar de calidade das humanizacións da cidade”.

xoves, 29 set 2022

Cun prazo de execución de nove meses, a actuación municipal comprende 480 metros de rúa, entre a Avenida de Castelao e un tramo da rúa Fotógrafo Luís Casado, na parte que conecta coa Avenida. Abel Caballero explicou que a obra vai realizarse “no estándar de calidade das humanizacións da cidade e desa contorna”.

As actuacións comprenden a mellora dos espazos para os peóns e as redes de servizos, a renovación das tubaxes de saneamento, abastecemento e iluminación; a eliminación das barreiras arquitectónicas e o incremento da seguridade viaria mellorando a pavimentación e a visibilidade dos pasos de peóns. Quedarán delimitadas tamén as zonas de aparcamento, instalaranse novos puntos de luz, mobiliario urbano e zonas axardinadas con rega e arborado.

A Xunta de Goberno Local adxudicou tamén as obras do ascensor entre Travesía de Vigo n.º 160 e Aragón n.º 209 que ten un orzamento de 720.180 euros e un prazo de execución de 7 meses e para as que o Concello solicitará fondos Next Generation EU ao Goberno de España. O ascensor situarase xunto á igrexa de Santo Cura de Ars co obxectivo de salvar a pendente de case 10 metros entre as dúas rúas.

O proxecto da obra contempla a renovación das redes de abastecemento de auga e de rega ; o cambio dos colectores de saneamento, sumidoiros, pozos e arquetas de conexión e a canalización da rede de iluminación pública. O ascensor terá capacidade para 13 persoas e presentará un peche lateral a base de vidro laminar ancorada á estrutura de perfilaría metálica e está prevista tamén a instalación de iluminación, mobiliario e acabados decorativos, tanto a nivel horizontal como vertical.

O goberno municipal traballa tamén no proxecto dunha rampla mecánica neste mesmo tramo que completará a conexión vertical de Travesía de Vigo e Aragón cun importe de 900.000 euros.

Ademais, quedou aprobada a licitación do proxecto de mellora e reforzo do firme do Camiño Valada en Valadares que ten un orzamento de 95.454 euros.

 

 

Descargar todas as imaxes