Escoitar

O Pleno esixe á Xunta que asuma o incremento dos menús nos comedores escolares

O concelleiro de Educación, Gorka Gómez, conseguiu esta mañá o apoio do Grupo Mixto e do concelleiro non adscrito para solicitar á Xunta que asuma a subida dos prezos dos comedores escolares. O Partido Popular abstívose na votación dun texto que lembra que ata o de agora é o Concello a administración que sufraga a maior parte deste servizo.

mércores, 28 set 2022

A maioría do Pleno acordou esta mañá instar á Xunta a que asuma o incremento dos custos dos menús escolares nos comedores xestionados polas Anpas. O texto, defendido polo concelleiro de Educación, Gorka Gómez, solicita ao goberno autonómico unha partida extraordinaria para facer fronte a un servizo que ata o de agora sufraga na súa práctica totalidade o Concello de Vigo. Esta iniciativa saíu adiante cos votos favorable do PSOE, do Grupo Mixto e do concelleiro non adscrito e a abstención do PP.

Na sesión plenaria desta mañá tamén recibiu luz verde unha mocións socialista que lembra á Xunta a súa obriga a garantir unha alternativa residencial digna en Vigo ás familias e persoas en situación de vulnerabilidade social. A edil de Urbanismo, María Xosé Caride lembrou na súa intervención a necesidade de atender aos preto de 6.000 demandantes de vivenda protexida que hai na cidade. Co apoio do Grupo Mixto e do concelleiro non adscrito, o PSOE defendeu un texto que, entre outras cuestións,insta ao goberno autonómico a construír 1.600 vivendas de promoción pública en Navia no prazo máximo de catro anos.

O Pleno tamén validou unha iniciativa do Partido Popular que solicita atender a demanda das Anpas do Ceip Doutor Fleming para que o alumnado do centro poida utilizar o pavillón de Romil en horario de mañá. Esta moción tamén contou cos votos favorables do Grupo Mixto e do concelleiro non adscrito, mentres que o PSOE abstívose, logo de que o PP non aceptara unha emenda presentada polos socialistas.

Descargar todas as imaxes