O alcalde valora as case 200 novas prazas de aparcamento de Zona Franca na Laxe
Abel Caballero visitou este xoves, xunto ao delegado do Consorcio da Zona Franca en Vigo, David Regades, o inicio das obras de remodelación do aparcamento que pasará de ser robotizado a convencional.
O rexedor felicitou a Zona Franca pola decisión de transformar o aparcamento da Laxe nun convencional “máis utilizable, cómodo, eficiente, nun lugar tan sensible na cidade, onde se precisan estas prazas”, tendo en conta que a cidade vai ser cada vez máis para camiñala e, principalmente, considerando que Vigo “é hoxe unha potencia turística e temos que ser capaces de ir xerando infraestruturas para acoller os millóns de visitantes” que chegan á cidade.
David Regades explicou que as obras permitirán dotar o aparcamento de 184 prazas “nunha zona de alta demanda da cidade, tanto da veciñanza, como de usuarios do náutico, hostalería e comercio”.
O orzamento da obra acada 1,6 millóns de euros e a previsión é que estea rematada no mes de marzo de 2023.