O Pleno esixe á Xunta que garanta a gratuidade dos libros de texto
A maioría da Corporación acordou esta mañá solicitarlle á Xunta a gratuidade dos libros de texto e material escolar, unha medida fundamental para axudar ás familias a afrontar un inicio de curso marcado polo incremento de prezos. A moción socialista contou co apoio do grupo Mixto e do concelleiro non adscrito e co voto en contra do Partido Popular.
O Pleno deu luz verde esta mañá, co voto en contra do Partido Popular, a unha moción socialista na que se insta á Xunta a garantir a gratuidade dos libros de texto e material escolar de xeito inmediato. O texto defendido polo concelleiro de Ensino, Gorka Gómez, que contou co apoio do grupo Mixto e do concelleiro non adscrito, advirte de que esta medida é algo fundamental para axudar ás familias a afrontar un inicio de curso que ven marcado polo incremento de prezos. Na súa intervención, o edil criticou a “insensibilidade” do executivo galego lembrando que a primeira medida adoptada polo PP cando chegou á Xunta foi a supresión da gratuidade dos libros de texto.
Seguindo co ensino, a maioría da Corporación validou tamén outra proposta socialista na que solicita a redución do número de alumnos por aula. Co apoio do Grupo Mixto e do concelleiro non adscrito, o Pleno deu luz verde a unha proposta que ten por obxectivo mellorar a calidade educativa e garantir os postos de traballo de todos os profesores e profesoras nos centros educativos.
Dependencia
Na sesión plenaria desta mañá tamén se falou de dependencia, a través dunha moción do PSOE instando ao goberno presidido por Alfonso Rueda a poñer en marcha de forma urxente un plan de choque para reducir as listas de agarda de valoración de persoas dependentes, co incremento de equipos de valoración e a redución e simplificación da tramitación. A edil de Políticas de Benestar conseguiu o apoio do grupo Mixto e do concelleiro non adscrito a unha proposta que esixe novos centros de valoración e equipos itinerantes na cidade de Vigo, na que a espera supera os 400 días. O PP abstívose na votación.