A Reconquista e San Roque serán os festivos locais de 2023
No Pleno Ordinario de setembro acordouse a declaración de festas locais para o martes 28 de marzo, día da Reconquista, e o mércores 16 de agosto coa festividade de San Roque. Tamén se deu luz verde a desafección dos terreos da ETEA.
Co voto favorable da totalidade da corporación da cidade, o pleno aprobou esta maña que para o ano 2023, en Vigo sexan festivos o 28 de marzo e o 16 de agosto, os días das celebracións da Reconquista e de San Roque, respectivamente.
Desafección dos terreos da ETEA
Tamén na parte resolutiva do pleno, aprobouse a desafección por parte do Concello dos terreos da ETEA, que volverán a pertencer a Zona Franca. Este punto foi defendido polo concelleiro López Font, no que sinala que “imos conveniar o seu uso con Zona Franca, pero este é o paso previo”. Tivo a favor 20 votos do grupo municipal Socialista, 4 abstencións do grupo popular e os 3 votos en contra do grupo mixto e o concelleiro non adscrito.