Escoitar

O Concello aproba inicialmente o polígono 2A de Navia con 337 vivendas e 4.000 metros de zonas verdes proxectadas

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves á aprobación inicial do Proxecto de Urbanización do Polígono 2A do Plan Parcial de San Paio de Navia, que agora será sometido a información pública durante un mes.

xoves, 14 xul 2022
O alcalde comparece en rolda de prensa
O alcalde comparece en rolda de prensa

Tralo anuncio que publique o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, o documento poderá consultarse na páxina web do Concello e na sede electrónica municipal durante un mes. Amais, o goberno municipal poderá solicitar os informes sectoriais que resulten preceptivos en atención ás características do ámbito.

O alcalde explicou que esixirá á promotora que o documento incorpore as modificacións que se fagan a través das alegacións que sexan estimadas, ou que acheguen os informes sectoriais ou as observacións técnicas referidas.

Coa aprobación inicial do Polígono 2A “seguimos dando luz verde á ampliación de Navia”, sinalou Caballero, ao ver que se cumpren todos os requisitos establecidos polos técnicos para garantir os servizos e dotacións nese ámbito. Esta é a fase previa á concesión de licenzas para materializar as edificacións, zonas verdes e dotacións do polígono.

O rexedor deu conta do proxecto de urbanización que se ordena bloques de 4 e 5 plantas e vivendas unifamiliares, que se asentarán de forma gradual na transición entre o tecido da vella parroquia de Navia e os bloques de vivenda de maior altura do polígono que xa se executaron, quedando enlazadas por altura a Navia vella e nova. O ámbito ten unha dimensión de 44.500 metros cadrados con 337 vivendas previstas, cunha parcela de 9.500 metros, espazos verdes e zonas libres de 4000 metros cadrados, un viario de 17.000 e 180 prazas de aparcamentos públicos.

En Navia, o Concello xa aprobara o Polígono 1, que inclúe o groso de vivendas, sobre o que a Xunta iniciara a licitación para a urbanización que logo parou e agora retoma, atrasando o proceso de forma “indebida”, sinalou Caballero. E tamén está aprobado o Polígono 2B no que Vigo demanda a construción dun instituto de Ensino Secundario nun solo que será municipal “e que cederemos gratuitamente á Xunta se se compromete en tempo e forma e de acordo co convenio que lles remitimos a facer o instituto. Pero non vai querer. Será cando cambie a Xunta, cando cambie o goberno en Galicia”, censurou.

Descargar todas as imaxes