Escoitar

Vigo garda 5 minutos de silencio en recordo de Miguel Ángel Blanco

A Corporación municipal e veciñanza da cidade congregáronse na Praza do Rei, ás 12:00 horas, para render unha homenaxe ao concelleiro de Ermua asasinado por ETA fai hoxe 25 anos.

mércores, 13 xul 2022

En declaracións na rolda de prensa posterior á concentración celebrada en Vigo, o alcalde explicou que a convocatoria da FEMP de cinco minutos de silencio á porta dos Concellos tivo como obxectivo “lembrar a Miguel Angel Blanco e enviar o noso agarimo e apoio á súa familia e aos seus amigos”.

Cabe recordar que “foi asasinado por ser concelleiro do Partido Popular nun concello democrático”, cometendo un crime “rexeitable e terrorífico”. Este feito fixo que hai 25 anos “España se botase á rúa”, engadiu o alcalde. Para concluír apuntou que “lembramos e condenamos este asasinato e calquera atentado e violencia contra as persoas e contra a democracia”.

Concellos, deputacións, cabidos e consells reuniron aos seus veciños e veciñas nas portas das súas institucións en concentracións de cinco minutos de silencio en recordo a Miguel Ángel Blanco e como homenaxe ás Vítimas do Terrorismo. Secundaron desta forma a convocatoria da FEMP ao cumprirse o 25º aniversario da morte do concelleiro do PP no Concello de Ermua (Biscaia), asasinado por ETA.

No caso de Vigo, foi celebrada ás 12:00 horas, acompañando ao alcalde os membros do goberno local e do resto da Corporación, onde o rexedor vigués manifestou que “o terrorismo é un mal que ten que ser erradicado”.

 

Descargar todas as imaxes