Escoitar

O goberno municipal mellorará os accesos ás casas sindicais de Coutadas

A Xunta de Goberno aprobou a modificación do proxecto da Vía Verde Fase II cun importe de 612.792,29 euros para satisfacer as demandas dos veciños e veciñas da zona.

xoves, 7 xul 2022

O alcalde deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local este xoves. No que ten que ver con Vías e Obras, o goberno local deu luz verde á modificación do proxecto da Vía Verde Fase II cun importe de 612.792,29 euros.

A modificación responde á reordenación da zona de Coutadas, nas casas sindicais, na que o concello retranqueará o talude e o muro que agora imposibilita a entrada de vehículos de emerxencia.

“Pedíronos as persoas que viven alí e ímolo facer. Terán unha entrada digna como merecen”, declarou o rexedor. Tamén vaise mellorar a conexión coa Avenida de Buenos Aires con ramplas e pasarelas. Abel Caballero tamén explicou que están a traballar nun colector de augas fecais da zona da Mimosa.

Cultura

A Xunta de Goberno tamén aprobou 333.990 euros para a área de Cultura. O goberno local adica 173.200 euros para as bandas de música e o seu programa “Aulas de música”. Tamén aprobou adicar 20.000 euros para o financiamento da Festa da Cultura 2022 que, segundo anunciou o alcalde, desenvolverase o 2 e 3 de setembro na Praza de Compostela. O Festival das Artes nas Ondas que organiza o Conservatorio Superior de Música dispón dunha partida de 4.000 euros.

Ademais, Concello e Deputación asinarán un convenio para o financiamento do “Outono Lírico 2022” que organiza Amigos da Ópera. O importe total é de 136.790 euros, dos que 20.000 achega a institución provincial.

Benestar social

Neste eido, o rexedor deu conta dos 100.000 euros de para proxectos sociais. A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de convenio de colaboración coa Asociación Galega San Francisco cun importe de 32.000 euros ata 2025. Tamén concedeuse unha subvención de 69.707 euros a 38 entidades sen ánimo de lucro que realizan unha función social.

Participación cidadá

A Xunta de Goberno aprobou unha partida de 13.500 euros para a Asociación Agarimo. Tamén concedeu 10.000 euros a Igual Arte para a realización de actividades socioculturais, educativas e musicais para persoas con diversidade funcional e necesidades especiais.

Descargar todas as imaxes