Escoitar

O alcalde inaugura a nova e “excepcional” Praza da Miñoca

Durante o acto de posta en funcionamento do renovado espazo, Abel Caballero puxo en valor a colaboración veciñal no desenvolvemento desta “gran remodelación” que supuxo un investimento de 1,6 millóns de euros.

venres, 1 xul 2022

“Hoxe é un día moi grande en Vigo e aquí, con esta nova forma de entender a Miñoca, o ocio, o esparexemento. Esta nova forma de facer e vivir a cidade”, apuntou o rexedor durante a súa intervención no acto de inauguración da remodelada Praza da Miñoca.

O alcalde percorreu as diferentes zonas da praza acompañado de edís do goberno municipal e da veciñanza a que agradeceu a colaboración porque o novo espazo, dixo, é “froito do traballo colectivo coa Asociación de Veciños da Miñoca”, representada, entre outros, pola súa presidenta, Elena Losada.

“Supera tódalas miñas expectativas. É excepcional. Unha reforma case imposible de imaxinar antes, do brillante e extraordinaria que é”, salientou o rexedor, que aludiu ao “cambio total” experimentado no espazo logo da obra acometida polo Concello cun investimento de 1,6 millóns de euros.

Tal e como explicou, o obxectivo era naturalizar o espazo, cun deseño de xardíns integrados nos estanques e canalizacións de auga, no que se creou un río artificial, que se chamará Lagares II, no que se dispuxo o terreo en bancais, dada a elevada pendente do espazo que chega a acadar o 10%, e con plantacións arbóreas: cerdeiras e árbores xaponesas ata un total de 160 árbores novas.

O goberno municipal ampliou o parque infantil ata os 2.000 m² (zonas de area, caucho e céspede) con zona de ramplas que parten dunha especie de zona de cráter, unha bancada multifuncional onde hoxe actuou un grupo de baile moderno, un perímetro formado por carril bici e bulevar, con aparellos biosaudables e zona de parkour.

Amais, a remodelación inclúe novas redes de abastecemento, canalizacións eléctricas e rede pluviais, a reparación do empedrado existente, nova iluminación con maior calidade e aforro enerxético e iluminación específica para os elementos escultóricos existentes.

No marco da obra do Concello reparouse o recubrimento da escultura da miñoca, recolocou os bancos de pedra, instalou fontes, papeleiras e pasarelas de madeira laminada amais re recuperara toponimia de Coia no nomeamento das diferentes zonas do parque.

 

Descargar todas as imaxes