Escoitar

Vigo iza once bandeiras azuis nuns areais atendidos por máis dun centenar de profesionais

Os areais de Vigo xa locen as once bandeiras azuis que un ano máis a converten na cidade española con maior número de distincións polos servizos das súas praias. Unha vez máis, Caballero destacou que o Concello conta con preto dun centenar de profesionais atendendo estas zonas durante todo o verán o que supón un investimento de máis de medio millón de euros.

xoves, 30 xuñ 2022

O alcalde participou esta mañá no tradicional acto de izado dunha das once bandeiras azuis que ondearán este ano as praias de Vigo. A Punta, Carril, Tombo do gato, Argazada, Samil, Fontaíña, Vao, Canido, Fortiñón, Rodas e Santa Baia -novidade – son os areais distinguidos neste 2022, aos que se suman tres sendeiros azuis.

Tal e como explicou o rexedor, o Concello adica arredor dun centenar de efectivos a velar pola seguridade das praias. Tres responsables de servizo, dous técnicos de Emerxencias, un operador de comunicacións, tres enfermeiras, 5 axudantes en primeiros auxilios, 28 socorristas, 4 monitores de accesibilidade ao baño, amais de persoal de Protección Civil e a unidade de Costa e Praia da Policía Local.

Durante a rolda de prensa, Caballero criticou a falta de colaboración da Xunta para a consecución destas bandeiras que supoñen ás arcas municipais máis de medio millón de euros na prestación dos servizos esixidos.

Reforzo Vitrasa

Tamén deu conta Caballero da posta en marcha hoxe mesmo do servizo especial de transporte público ás praias cun total de 9 liñas que conectarán Vigo con todos os areais. En concreto, ademais das 6 liñas que xa conectan coas praias: L10, L11, L12A, L15A, L15B e L15C, amplían o seu percorrido a liña C3 en todos os días da semana e as liñas 4C e 23 en horario de tarde nos días laborais e todo o día os sábados, domingos e festivos. Por outra banda, nas horas punta reforzarase o servizo para facilitar a mobilidade ós areais.

Coa tarxeta PassVigo, engadiu, os usuarios poderán realizar ata 2 transbordos gratuítos en 45 minutos, podendo chegar desde calquera punto de Vigo ós areais da cidade.

A información sobre liñas, horarios e percorridos estará dispoñible en vitrasa.es e Vigo App.

Descargar todas as imaxes