O goberno municipal proxecta un aparcamento en Matamá por case un millón de euros
A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de acondicionamento da contorna do aparcamento do futuro pavillón deportivo de Matamá, que dispoñerá de 127 prazas ao aire libre. O alcalde destacou tamén o investimento de 1 millóns na conexión vertical entre Travesía e Aragón.
Cun importe de 987.370 euros e un prazo estimado de obras de 9 meses, o alcalde explicou que a actuación na zona central de Matamá vai desenvolverse nunha parcela de titularidade municipal con fronte ás rúas rúas Canteiros e Manuel Cominges.
Será un aparcamento ao aire libre con espazo para 123 vehículos en batería e 4 prazas para persoas con mobilidade reducida na zona onde estará o futuro pavillón “que a Xunta de Galicia non nos deixa facer”, tal e como apuntou Caballero, e nunha zona que dá servizo á Igrexa e á asociación cultural.
A obra permitirá mellorar a seguridade viaria na contorna e a accesibilidade peonil, instalaranse colectores de saneamento de fecais e pluviais, serán soterradas as canalizacións de redes de iluminación pública, semaforización e redes de rega e ademais instalarase iluminación e crearase unha zona con xardineiras e árbores.
Rampla mecánica entre Travesía e Aragón
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves o proxecto de implantación dunha rampla mecánica na rúa Aragón, entre o número 209, á altura da Igrexa de Santo Cura de Ars, e o número 178. Ten un orzamento de 879.382 euros e un prazo de execución de 8 meses.
Tal e como explicou o rexedor, a rampla completará a conexión vertical entre Travesía de Vigo e Aragón, que ten proxectado un ascensor entre o número 160 de Travesía e o 209 de Aragón, para cubrir a parte baixa, e a rampla na parte alta ata a citada Igrexa. O ascensor, en fase de licitación, está presupostado en 721.000 euros. “Salvamos o inmenso desnivel entre Travesía e Aragón cun investimento por valor de 1,6 millóns de euros. Acabouse subir as escaleiras e a costa. A partir e agora será ascensor e rampla. Esta é a nova forma na que estamos entendendo a cidade de Vigo”.