Todos os grupos municipais esixen que non se recorte a atención sanitaria no verán
Todos os grupos políticos coincidiron esta mañá en reclamar á Xunta que non suspenda ningún servizo sanitario dos que se están a prestar na Atención Primaria. O grupo socialista defendeu unha moción na que tamén solicita que se contrate o persoal suficiente para cubrir o servizo.
Carlos López Font lembrou esta mañá no Pleno municipal que son os propios profesionais da sanidade pública os que están a demandar a adopción de medidas pola saturación que sofren no seu traballo e a falta de contratacións, unha situación que se agrava coa chegada do verán. O edil socialista conseguiu o apoio do resto dos grupos para instar ao Goberno autonómico a non suspender ningún servizo sanitario dos que se prestan en Atención Primaria. Isto pasa, explicou, por non reducir camas e manter as mesmas consultas e horarios durante o verán. Con ese obxectivo, a Xunta debe proceder á contratación do persoal que reivindican os profesionais da sanidade de xeito reiterado.
Estadio de Balaídos
Outro dos textos que recibiron o aval da Corporación esta mañá foi o defendido polo tenente de alcalde, Javier Pardo, no que se instaba á Xunta a contribuír economicamente á reforma do Estadio Municipal de Balaídos na mesma proporción que o fai o Concello e a Deputación de Pontevedra. A moción, que reivindica para Vigo o mesmo trato que o goberno autonómico dispensou a estadios doutras cidades, contou co voto en contra do PP e as abstencións do grupo de Marea de Vigo e do concelleiro non adscrito.
Gardas 24 horas nos xulgados
Co voto a favor de PSOE, Marea e do concelleiro non adscrito, o Pleno tamén deu luz verde a unha moción defendida por Yolanda Aguiar na que se esixe a inmediata implantación nos xulgados de instrución de Vigo das gardas de 24 horas. A iniciativa socialista, que contou co voto en contra do PP, destaca que todo o sector da Xustiza apoia esta demanda e insta á Xunta a rematar con unha discriminación histórica con respecto ao resto de partidos xudiciais de similares características do Estado, que xa contan con este sistema.