Escoitar

Caballero inaugura a exposición "Laxeiro Descoñecido II" na Casa das Artes

O alcalde visitou a mostra xunto ao comisario, Javier Pérez Buján, na que inclúense obras do artista vigués na súa segunda etapa. "É excepcional. Temos aquí a exposición de Laxeiro e tamén un dos seus cadros preside unha sala no Reina Sofía en Madrid, un dos mellores museos de arte contemporáneo do mundo. Queremos que Laxeiro sexa coñecido en toda Europa", afirmou Abel Caballero na súa intervención.

xoves, 30 xuñ 2022

O alcalde inaugurou na mañá deste xoves a mostra "Laxeiro descoñecido II. Obras inéditas de segunda época" que visitou xunto ao comisariado.  Dentro das actividades programadas no Ano Laxeiro, con motivo do acordo da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar a Laxeiro o Día das Artes 2022, a Fundación Laxeiro ofrece a segunda achega da serie titulada Laxeiro Descoñecido, que continúa mostrando unha pequena parte do traballo de investigación e localización de obra que a Fundación Laxeiro vén desenvolvendo dende o seu inicio. As obras inéditas que se mostran, abarcan un período que vai dende finais dos anos cincuenta, ata o ano noventa, un período no que Laxeiro rompe coa noción de estilo único, abrazando un eclecticismo que ilustra a liberdade creativa do pintor e a busca do seu propio camiño, unha vez superados os postulados que caracterizaron ao grupo de Os novos, na primeira metade do século XX.

A exposición poderase visitar ata o 2 de outubro. Abel Caballero manifestou que a idea de a Fundación, que él mesmo preside, é "dar a coñecer a Laxeiro en toda Europa": É excepcional. Temos aquí a exposición de Laxeiro e tamén un dos seus cadros preside unha sala no Reina Sofía en Madrid, un dos mellores museos de arte contemporáneo do mundo", declarou ante os medios na inauguración.

Laxeiro descoñecido II. Obras inéditas de segunda época, é o primeiro proxecto expositivo do Ano Laxeiro, impulsado pola Real Academia Galega de Belas Artes, unha escolma intencionadamente pequena pola excepcionalidade da maioría das pezas que a compoñen que, no seu conxunto, ilustran o imaxinario e a estética do pintor naqueles anos.

Composta na súa totalidade por obras procedentes de coleccións particulares, a exposición detense en temáticas que caracterizaron a pintura do artista nos anos trinta, como as escenas de entroido, nas que Laxeiro, ademais de plasmar unha realidade cultural concreta -característica da tradición rural galega que el coñecía ben- ofrece unha mirada esperpéntica do xénero humano, nun contexto histórico no que os acontecementos políticos internacionais estaban deixando unha pegada de decepción e falta de esperanza.

A deformación das facies do rostro e a ocultación da identidade, son utilizados por moitos artistas da época como un recurso para plasmar esa falta de esperanza derivada do éxito de fenómenos políticos de masas de carácter totalitario e o fracaso do pensamento utópico. O entroido e a festa en xeral preséntanse como un espazo de liberdade no que, por uns días, a orde social pode ser subvertida sen consecuencias para os seus protagonistas.

O mundo infantil é tamén unha constante na obra de Laxeiro que, para el, significa un ámbito de liberdade e inocencia, aínda sen contaminar polas imposicións políticas e sociais do mundo dos adultos. Dentro desa fascinación polo popular, a pesar da falta de relixiosidade do pintor, o románico popular deixará unha fonda pegada en Laxeiro e os calvarios serán un dos seus temas característicos ao longo da súa carreira.

A súa linguaxe plástica é, dende ben cedo, unha linguaxe libre de academicismos que, naqueles anos, adoita a coñecida como estética granítica, caracterizada pola aplicación de abundante pigmento, normalmente aplicado con espátula, co que o artista consigue unha calidades moi achegadas á escultura en pedra e uns acabados nos que o debuxo se vai concretando a través da mancha pictórica, cun resultado no que o xesto gaña un evidente protagonismo.

O cromatismo terroso, característico das obras destes anos, incide, por unha banda nesa reivindicación da estética granítica ese aspecto escultórico da obra e, por outra banda, envolve as escenas nunha sorte de tenebrismo co que recolle unha liña de traballo da pintura española moderna que arranca coas Pinturas Negras de Goya e continúa coa obra de artistas como Gutiérrez Solana.

Todas estas características denotan a intencionalidade do mozo Laxeiro de construír unha estética propia que, no argumental, evidencia unha forte vocación narrativa e fabuladora, na que se fai evidente a súa experiencia como axudante de escenografía no Teatro Martí de La Habana, na súa adolescencia, e tamén a súa fascinación polas historias da cultura oral galega. Esta estética persoal ten tamén unhas características formais propias, como son a construción dunha forma de ver afastada da tradición mediterránea, que pon a atención nas imaxes ambiguas, como consecuencia da luz de Galicia, unha xeografía que mira, non ao Mediterráneo, senón cara ao Océano Atlántico, ao Norte onde o descoñecido vai conformando unha visión misteriosa do mundo.

Laxeiro Descoñecido I. Obras inéditas de primeira época, proponse así como o inicio dun proxecto artístico que, xa nos seus primeiros anos, deixaba ver unha forte personalidade que desenvolvería ao longo de todo o século XX unha das traxectorias máis brillantes e ricas da pintura galega.

 

Descargar todas as imaxes