Escoitar

A Festa do mexilón ofreceralle ao público 2,5 toneladas de molusco en Castrelos

O parque de Castrelos acollerá o vindeiro domingo, 20 de xullo, unha nova edición da Festa do mexilón que cada ano organiza a Federación de peñas recreativas "El Olivo" en colaboración coa concellería de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo.

venres, 18 xul 2003
A concelleira de Festas a Animación Sociocultural destacou que, xunto coas festas da sardiña e do polbo, esta é unha das festas gastronómicas de Vigo destinadas a enxalzar os productos típicos da ría.

No decurso da festa entregarase, como vén sendo tradicional, o "Mexillón de Ouro", que este ano recaerá en José Antonio Tizón, patrón maior da Confraría de pescadores San Francisco, de Vigo, polo seu labor a prol da xente do mar e en representación da loita da cidadanía da Ría contra o chapapote tralo afundimento do petroleiro Prestige.

Da súa traxectoria, os membros da Federación de Peñas destacan o constante esforzo por defender os intereses dos mariñeiros vigueses, acción que se viu culminada polo esforzo colectivo para frear a entrada do verquido do Prestige nas augas viguesas e no parque das Illas Atlánticas.

A festa arrincará ás 10:00, hora á que comezarán xa as degustacións do molusco, e prolongarase ata as 15:00. Os asistentes á mesma non só poderán disfrutar de 2.000 quilogramos de mexillóns preparados ó vapor, senón que tamén poderán degustar de 500 quilogramos do molusco cociñado en empanada e máis de 700 litros de viño.

A ración de mexillón custará 1 euro; a de empanada, 1,70; o vaso de viño, 70 céntimos de euro e a botella, 2,5 euros; mentres que o pan será gratis.

Un equipo de 150 persoas da Federación de Peñas traballará dende as 7 da mañá e durante o tempo que dure a festa para que todo funcione segundo o previsto e as máis de 5.000 persoas que se espera asistan a esta cita gastronómica marchen cun bo sabor de boca.

A Festa do Mexillón estará amenizada polo grupo de baile e gaitas da Peña Xuntanza, de Coia. O pregón será lido polo xornalista vigués Xosé Luis Barreiro, de Localia televisión.