Escoitar

Abel Caballero defende ter completado o deseño arquitectónico orixinal da capela da Guía

Este mércores se celebra o acto de inauguración do cristo que coroa a ermida, escultura que finaliza unha obra inconclusa de Gómez Román, para o alcalde, “un dos tres mellores arquitectos da historia de Galicia”. Ademais, Caballero puxo en valor a súa traxectoria política como galeguista e “loitador pola democracia”.

mércores, 15 xuñ 2022
Imaxe de arquivo do alcalde, amosando os planos do deseño orixinal de Gómez Román para a capela do monte da Guía, co cristo no alto da torre.
Imaxe de arquivo do alcalde, amosando os planos do deseño orixinal de Gómez Román para a capela do monte da Guía, co cristo no alto da torre.

“Con esta obra completamos o deseño de Gómez Román para a ermida da Guía”, sinalou Caballero, que data de 1951 e quedou sen finalizar ao non terse instalado o cristo sobre a torre. En virtude do convenio asinado entre a diócese, o Concello e a Deputación, a Escola provincial de Canteiros construíu a figura que xa coroa a capela, de seis metros de alto e seis toneladas de peso, “seguindo o deseño orixinal” do arquitecto vigués.

Recordou Caballero que a Deputación de Pontevedra doou a imaxe de balde e a súa colocación sobre a torre foi custeada polos gobernos local e provincial por un importe de 84.000 euros. Así, “culminamos unha obra inconclusa de Gómez Román”. “Hai quen quere insultalo”, asegurou Caballero sobre a figura do vigués. Estes, engadiu o alcalde, “están instalados na ignorancia ou na batalla política”.

O alcalde defendeu a actuación pública sobre a igrexa da Guía. Argumentou que Manuel Gómez Román “é un arquitecto, na miña opinión, entre os tres mellores da historia de Galicia, con centos de obras en Galicia e en Vigo”. Na cidade, é responsable do edificio de Correos, da Panificadora, do edificio Simeón, o Mülder, o Moderno, o banco Pastor, o hospital Nicolás Peña e do monumento a Concepción Areal que se atopa no cemiterio de Pereiró.

Abel Caballero tamén louvou a súa traxectoria política como “loitador pola democracia”. Gómez Román era concelleiro en Vigo durante o golpe de estado do 36, foi candidato á Alcaldía polo Frente Popular e chegou a ser secretario xeral do Partido Galeguista. O vigués tamén ocupou a vicepresidencia da Fundación Penzol e da editorial Galaxia e impulsou, xunto a Fernández del Riego e Ferro Couselo, promotor do Día das Letras Galegas.

Descargar todas as imaxes