Volve o público á Vigo Cup, que se celebrará do 27 de xuño ao 10 de xullo
A edición deste ano recupera aos siareiros e siareiras nas bancadas e mantén a inscrición de balde para os participantes, costeada polo Concello, segundo valorou este martes Abel Caballero. A cita reunirá a uns 4.500 deportistas.
A Vigo Cup presentouse este martes no campo de fútbol de Navia, no que o alcalde estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e membros da organización do torneo e unha representación dos patrocinadores privados e dos clubs. O evento vaise xogar do 27 de xuño ao 10 de xullo e con asistencia de siareiras e siareiros.
O alcalde explicou que por segundo ano consecutivo a inscrición ten sido gratuíta. “O ano pasado, coa pandemia, decidín que o Concello o pagara todo para axudar ás familias, e este ano mantemos a mesma decisión”, sostivo.
Caballero lembrou que esta “é unha gran celebración deportiva na que fundamentalmente xogan equipos de Vigo”, aínda que tamén avanzou que haberá conxuntos doutros concellos (Moaña, Redondela, Ponteareas, O Porriño, Mos, Gondomar e Tui), da Coruña (o Narón Freixo), un club canario (CD Becerril) e varios equipos do Fursan Hispania, entidade fundada por Míchel Salgado en Dubai e nacido en 2020 da academia alí establecida.
En total, a Vigo Cup mobilizará a uns 4.500 participantes, 3.500 deles do fútbol 7 e fútbol 11, que abrirá as competicións do vindeiro día 27 ao 3 de xullo. Despois (4-10 de xullo), o torneo de fútbol sala.
En total haberá dezaseis categorías: seis en fútbol 7 (o cadro sénior feminino, entre elas), dúas en fútbol 11 (Sub-14 mixta e Sub-16 masculina) e oito en fútbol sala.
A organización ultima os cadros de competición, pero xa son seguros varios campos de fútbol (Armando Cajaraville, en Samil, Pahiño en Navia, A Bouza en Coia, A Guía, Meixoeiro, As Relfas
En Sárdoma, Baltasar Pujales (Bouzas), A Pirucha (San Miguel de Oia) e A Xunqueira (San Andrés de Comesaña). No que se refire ao fútbol sala, o complexo das Travesas (Central e Vermella), Navia, O Berbés e Coia.