O alcalde propoñerá que a Biblioteca do Estado en Vigo leve o nome de Domingo Villar
Abel Caballero trasladou este xoves ante os medios de comunicación “a nosa dor e o sentimento da cidade de profunda perda” trala morte do escritor aos 51 anos de idade.
O Concello de Vigo traballa no desenvolvemento de varias accións para recordar de Domingo Villar na súa cidade, tal e como avanzou o rexedor: “imos facer gran acto cidadán na súa memoria con literatura, poesía e música para seguir honrando a súa figura”.
Amais, o goberno de Vigo ten previsto encargar a realización dunha escultura de Domingo Villar “para que permaneza na cidade, na forma na que o artista nos diga para lembrar sempre onde vivía e por onde paseaba” e que, previsiblemente, podería situarse na zona da Alameda viguesa.
O alcalde informou tamén de que propoñerá “no seu momento” que a Biblioteca do Estado de Vigo leve o nome de Domingo Villar cando se inaugure, toda vez que “é un dato firme e certo que a vai haber”.