Escoitar

A partir do 1 de xullo viaxarán os primeiros 767 estudantes becados para estudar inglés

Todos os estudantes da edición de 2020 que solicitaron bolsa de inglés foron admitidos no programa municipal de inmersión lingüística, tal e como anunciou esta mañá o rexedor. Estes 767 alumnos terán cinco días a partir de mañá venres para formalizar a súa praza.

xoves, 19 mai 2022

O goberno local aprobou as listas definitivas de adxudicación para participar no programa municipal de inmersión lingüística “Vigo en inglés” edición 2020 para o alumnado que comezará este ano 1º de bacharelato. Segundo confirmou o rexedor, son 767 os estudantes que conseguiron praza polo que todos os solicitantes que cumprían os requisitos das bases accederon ao programa. O prazo para formalizar a praza empeza mañá día 20 e remata o xoves 26 de maio e as viaxes comezarán a partir do 1 de xullo.

As listas de admitidos das promocións de 2021 e 2022 publicaranse durante a primeira quincena de xuño. O alumnado de 2021 gozará da súa estadía entre setembro e outubro e o de 2022, entre outubro e novembro. O total de prazas ofertadas para os tres cursos oscila entre 2.500 e 3.000 e o custe de cada praza é de 2.400 euros.

Xer

A Xunta de Goberno tamén validou a proposta de reequilibrio da concesión do servizo público de estacionamento regulado e controlado na vía pública mediante parkímetros, coñecida como XER. A empresa concesionaria non poido executar o contrato entre o 16 de marzo e o 31 de maio de 2020 a consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia polo que é preciso compensar á empresa. Os importes son 231.598,49 euros en concepto de ingresos efectivamente non percibidos por falta de actividade e 75.582,52 euros en concepto de custes de persoal, cantidade que só se abonaría no caso de que se anulara o ERTE que no seu día solicitou a empresa.

A forma de compensar esta suspensión de actividade articularse modificando o réxime económico do propio contrato. O remanente do contrato reverterá na empresa cando os ingresos excedan aos custos máis os beneficios e, se chegado o remate do contrato -en 2028 – non se producira o reequilibrio, ao liquidar a concesión figurará a favor da empresa unha partida de ingresos con esa diferencia.

Descargar todas as imaxes