Escoitar

Vigo prepara actos culturais para celebrar as Letras Galegas e o Día dos Museos

Abel Caballero informou este luns das propostas para conmemorar o 17 de Maio, Día das Letras Galegas, e o Día Internacional dos Museos, o mércores 18. Este martes, desde as 12 horas na Casa Galega da Cultura, lectura de textos de Delgado Gurriarán e o mércores, no MARCO, maratón de linguas, visitas guiadas, obradoiro infantil e un concerto.

luns, 16 mai 2022
Abel Caballero, en imaxe de arquivo, durante unha intervención no MARCO.
Abel Caballero, en imaxe de arquivo, durante unha intervención no MARCO.

Polo Día das Letras Galegas, o bando correrá a cargo do cronista oficial da cidade de Vigo, Ceferino de Blas, quen abrirá coa súa lectura o acto que se celebra este martes na Casa Galega da Cultura, desde as 12 horas. A celebración continuará con lecturas de textos de Fernando Delgado Gurriarán, o autor recordado este 2022, para “render homenaxe á súa obra”, en verbas do alcalde.

O día seguinte, o mércores 18, Vigo súmase á conmemoración do Día Internacional dos Museos con distintas actividades de acceso gratuíto ata completar aforo que terán lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo ao longo de todo o día.

Segundo citou Caballero, o MARCO acollerá clases en distintos idiomas no “maratón de linguas”, un concerto das obras máis representativas do século XX para clarinete solo e dúo, da man do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, tamén un obradoiro de lingua de signos para nenos e nenas desde os tres ata os doce anos e visitas guiadas polo persoa do museo ás exposicións de Alfredo Alcain, Francisco Leiro e Idoia Montón, con pases ás 12 e as 18 horas.

Descargar todas as imaxes