O MARCO celebra o Día Internacional dos Museos con actividades para todos os públicos
O alcalde adiantou en rolda de prensa que haberá actividades en torno as exposicións e un maratón de linguas, un concerto e un obradoiro de lingua de signos para público infantil.
O MARCO súmase á celebración do Día Internacional dos Museos o 18 de maio co obxectivo de sensibilizar ao público sobre o papel dos museos no desenvolvemento da sociedade. Este ano o lema é “O poder dos museos”, co obxectivo de resaltar o poder dos museos para transformar o mundo que nos rodea, e explorar o potencial dos museos para provocar un cambio positivo nas súas comunidades a través de tres eixos: a sustentabilidade, a innovación na dixitalización e a accesibilidade, e a construción da comunidade a través da educación.
Abel Caballero presentou as actividades que terán lugar o mércores 18 de maio. Haberá un “Maratón de linguas” para todos os públicos no espazo anexo, que durará todo o día. Os participantes terán sesións de 30 minutos de 11 idiomas co profesorado da Escola Oficial de Idiomas.
Tamén adiantou que haberá un concerto do alumnado do Grao Profesional del CMUS Profesional de Vigo. “Farán un percorrido polas obras máis representativas para clarinete solo e dúo do século XX. Será ás 19:45 horas na sala de exposicións do primeiro andar e na parte central da planta baixa.
Para os máis pequenos haberá un obradoiro de lingua de signos. Haberá dúas quendas, a primeira ás 17:30 para nenos e nenas de 3 a 6 anos e a segunda ás 18:15 para os comprendidos entre 7 e 12 anos. Esta actividade require inscrición que pode facerse de xeito presencial no MARCO, no 986 113 900 ext. 100 e no mail recepción.marco@gmail.com