Escoitar

O alcalde eloxia a colaboración do MARCO e a Sala Rekalde na apertura da expo “As sete xanelas”

Este venres inaugurouse esta nova mostra, a cargo de Idoia Montón e froito da cooperación entre o MARCO e a sala bilbaína. Na súa intervención, Abel Caballero louvou a colaboración entre as institucións e o talento de Montón, intervindo sobre unha obra clásica desde un punto de vista contemporáneo.

venres, 13 mai 2022

A mostra está aberta desde este 13 de maio ata o 4 de setembro, no primeiro andar do MARCO de Vigo, comisariada por Alicia Fernández e Miguel Fernández-Cid, directora e director da Sala Rekalde e do MARCO, respectivamente. Ambos estiveron presentes na rolda de prensa xunto ao alcalde, Abel Caballero. Ademais, participaron a artista, Idoia Montón, o concelleiro de Cultura, Abel Losada, e a concelleira e deputada provincial Ana Laura Iglesias.

Froito da colaboración entre o MARCO e a Sala Rekalde, Bilbao (Deputación Foral de Bizkaia) para a itinerancia e coprodución de exposicións, este 13 de maio chega a Vigo “As sete xanelas”, que reúne boa parte do traballo de Idoia Montón (Donostia, 1969) dende 1990 ata a actualidade: pinturas, debuxos e colaxes procedentes de coleccións privadas e institucionais, como o Museo de Bellas Artes de Bilbao e o Museo San Telmo, Donostia.

O título “As sete xanelas” quere expresar –tanto literal como metaforicamente– as diferentes formas de conxugar as relacións entre o dentro e o fóra, o marco e o van, ou a rúa e o cuarto. O uso da xanela é un elemento reiterado ao longo de toda a súa traxectoria como medio para ver a realidade, a paisaxe ou a vida. Sublíñase a importancia do punto de vista, dunha mirada que nunca é normativa, directa ou centrada, senón lateral, múltiple e fragmentaria; así como a persistencia dos espellos e a imaxe reflectida.

A obra que Idoia Montón desenvolveu durante as tres últimas décadas entre Euskadi e Cataluña caracterízase por unha marcada coherencia, grazas á súa radical heteroxeneidade. Montón concibe a pintura como un proceso aberto e soberano, atento ao achado e ao xogo do azar, no que o único que se mantén constante é unha idea organizadora de forma ou estrutura.

O proxecto ten como obxectivo revisar a traxectoria da artista e presentar as claves que estruturan o seu traballo. Pero non se trata dunha mostra retrospectiva ordenada de xeito cronolóxico, senón concibida a través dunha serie de núcleos temáticos, formais e contextuais. Seguindo esta secuencia, a mostra organízase en catro ámbitos: Un cuarto propio, Guerra, Barna, e Cos ollos abertos.

Idoia Montón traballa na procura do sentido da pintura dende o común para indagar na realidade e no mundo no que vivimos. As súas pinturas e debuxos constrúense a partir dun catálogo de imaxes do cotián.

Dende a liberdade, o rigor e a autocrítica, para expresarse con voz propia, realiza un traballo artístico a xeito de relato. Tomando como arranque o ámbito literario, fábulas e metáforas ou escenarios de ficción, contrapón conceptos entre o particular e o colectivo, facendo uso dos medios expresivos que reforzan a mensaxe. A obra de Idoia Montón comeza no taller como un xogo coas formas e os materiais que, en certo momento, empeza a cristalizar e se ha revelar como unha obra. O taller é un laboratorio onde ensaiar diferentes experimentos que poidan facer que un medio tan historicamente saturado como a pintura volva falarnos en presente. “Quero que a miña pintura sexa un espello onde [o público] se contemple; trátase de entrar e de atopar a súa vida reflectida”.

No taller os elementos organízanse sobre un plano que a propia artista chamou “enigmático” e que reclama constantemente solucións. A partir dese plano van xurdindo ideas, formas e forzas. “O cadro maniféstase entón –escribe a artista– como un espazo aberto, sometido a un proceso no que calquera forma se pode acabar revelando. Podería tratarse da emerxencia da guerra, como dunha fantasmagoría, no incerto espazo en perpetua remodelación dunha capital occidental…”

Montón entende a arte como unha forma de resistencia fronte á violencia, como un intento de actuar sobre a realidade. A función da arte é o seu poder de transformación, sinalou a propia artista. De aí o profundo arraigamento da súa obra coa experiencia e a vida en común, e de aí tamén esa firme desconfianza fronte ás convencións e as fórmulas que ao longo dos anos a levou a buscar un novo punto de partida mediante a exploración de diferentes rexistros pictóricos: da colaxe bidimensional ao realismo, pasando do maxicismo á crítica política, do realismo ao barroco. 

Descargar todas as imaxes