Caballero pide abordar o concerto de Muse con Rueda cando se reciba a solicitude para facelo
O alcalde informou este martes do envío dunha carta ao vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, advertindo que, ata que o Concello reciba a petición para a realización do concerto na cidade, este non pode ser autorizado.
En rolda de prensa, o alcalde sinalou que “se non recibimos petición, non podemos autorizar nada, pero se a recibimos seguro que chegamos a un acordo de forma inmediata”.
Explicou Caballero que vén de remitir unha carta a Alfonso Rueda, responsable dos concertos do Xacobeo, na que lle expón a “saga de mentiras da delegada da Xunta en Vigo que é manifesta e pública”, amais de transmitirlle que “esperamos a solicitude que non recibimos” para organizar o concerto. En canto esa petición sexa recibida no Concello, “vou solicitarlle unha entrevista a Rueda ou ao conselleiro ou conselleira nos que delegue” para abordar esta cuestión “o máis rapidamente que poida ser, se pode ser esta semana, esta semana, para chegar a un acordo para realizar en Vigo o concerto de Muse, pero resulta sospeitoso que aínda non temos a solicitude”.
O rexedor reiterou que lle propón ao vicepresidente da Xunta “abertamente que, en canto reciba a solicitude, pedirei entrevista para reunirnos inmediatamente e chegar a acordo para o uso de Balaídos no concerto de Muse”.
Centenario do Celta
Abel Caballero informou tamén do envío dunha carta ao director xeral do Celta, Antonio Chaves, por parte do tenente de alcalde de Fomento, Javier Pardo, na que o Concello transmite a súa colaboración para os actos e eventos con motivo do Centenario do Club e empraza á entidade a ter unha reunión mañá mércores ou acordar outra data para manter ese encontro.
“Confiamos en ter resposta inmediata, falar coa dirección do Celta e ver de que forma e con que medios” poder participar na celebración. Caballero ofreceu diálogo e “toda a cooperación” ao Celta para os actos do seu centenario sen descartar a cooperación económica. “O Celta é unha institución vital na cidade, da maior importancia, e estaremos no centenario”.