Escoitar

O Concello instalou céspede artificial no CEIP Chans e tramita a adquisición de novos xogos para os colexios

O alcalde e o edil de Educación visitaron este xoves o centro, en Bembrive, logo de que o goberno de Vigo reparara un dos patios, agora dotado de herba artificial. Abel Caballero anunciou que o Concello xestiona a reposición de novos elementos lúdicos para os espazos de recreo dos colexios de Infantil e Primaria da cidade.

xoves, 21 abr 2022
Abel Caballero, no centro, xunto ao director do colexio (á esquerda da imaxe) e ao concelleiro de Educación.
Abel Caballero, no centro, xunto ao director do colexio (á esquerda da imaxe) e ao concelleiro de Educación.

O investimento na nova zona reparada no CEIP Chans de Bembrive ascendeu a 11.700 euros e supuxo a adecuación e instalación de verde artificial nun terreo de terra ao aire libre, que se embarraba con frecuencia. O alcalde, Abel Caballero, visitou o colexio acompañado polo concelleiro de Educación, Gorka Gómez, e os responsables do centro.

En declaracións posteriores, Caballero trasladou que o goberno que dirixe leva adicados 20.000 euros ao Chans de Bembrive no presente curso escolar, contía que se eleva aos 41.000 euros sumando os gastos do exercicio educativo previo. “Seguimos facendo obras nos centros escolares”, valorou o rexedor.

No tocante aos recreos dos máis pequenos e pequenas, Caballero avanzou que “agora estamos iniciando a tramitación para novos elementos lúdicos nos patios escolares, en todos os colexios de Infantil e Primaria, incluído, como é natural, o Chans de Bembrive”.

O alcalde cifrou en 6,2 millóns de euros a partida que recolle o orzamento do Concello de Vigo este ano para os colexios da cidade. Neste sentido, Caballero recordou que o goberno local instalou cubertas en patios de sete centros educativos: Pintor Laxeiro, Balaídos, García Barbón, Canicouva, Rocío, Castelao e Carballal. Ademais, ten en proceso os de Villalaura e Frián-Teis, por importe de 350.000 euros cada un, e elabora o proxecto para facelo propio no Javier Sensat.

Descargar todas as imaxes