Vigo ten a 58 persoas refuxiadas de Ucraína no Plan de Protección Internacional
Abel Caballero visitou as instalacións da ONG ACCEM, especializada en programa de protección e acollemento de persoas refuxiadas e que está a colaborar co Concello no acollemento dos refuxiados que chegan de Ucraína.
Vigo atendeu a 134 persoas procedentes de Ucraína que foxen da invasión dos exércitos de Putin. Delas, 58 permanecen na cidade baixo o Plan de Protección Internacional no que colaboran ACCEM xunto ao Goberno de España e o Concello de Vigo.
O alcalde visitou as instalacións de ACCEM, unha ONG que dixo “fai un traballo excepcional, especializada en programas de protección e acollemento internacional”. Na oficina de Vigo están a traballar nestes intres 26 persoas.
Caballero lembrou en rolda de prensa que o papel do concello “é poñer a disposición das persoas que chegan a súa documentación, empadroarse, ter tarxeta sanitaria e a escolarización dos menores”.
“É preciso que sintan o acompañamento nun momento tan terrible como é deixar o teu país, a túa casa, a túa cidade e ter que vir a outro país distinto”, afirmou. Deste xeito, o alcalde informou que os refuxiados ucraínos están a recibir apoio psicolóxico, atención no idioma, emprego e apoio de servizos xurídicos.
Axudas de emerxencia
Na mesma rolda de prensa, o rexedor deu conta da concesión de 56 novas achegas de emerxencia por importe de 11.304 euros, das que 45 foron para vivenda. Concretamente, a Comisión outorgou 12 achegas de alugueiro o que evitou outros tantos desafiuzamentos na cidade, un dos principais obxectivos da política social do Concello, en verbas do alcalde. Ademais, entregáronse axudas para o pago de recibos da luz, da auga e do gas. Desde que comezou a pandemia, concedéronse 17.491 axudas por valor de máis de 2,7 millóns.