Escoitar

Goran Bregovic interpretará o folclore balcánico desde a perspectiva contemporánea en Castrelos

A actuación de Goran Bregovic en Vigo será a única do artista en Galicia, onde estará por primeira vez o 13 de xullo, dentro dos concertos programados nas Festas do Cristo. A cita será ás 23:00 no parque de Castrelos.

venres, 11 xul 2003
1057922333goranbregovic.jpg
Goran Bregovic
Goran Bregovic presentará en Vigo, dentro da programación das Festas do Verán o seu último traballo discográfico "Tales and Songs from Weddings and Funerals" (Historias e cancións de vodas e funerais) no que unha vez máis inclúe un repertorio inspirado no lado máis salvaxe das raíces e o folclore dos Balcáns, sabiamente enriquecidos pola súa perspectiva contemporánea.

Neste concerto, Goran Bregovic estará acompañado sobre o escenario por 40 músicos: a banda de metais "Weddings and Funerals Band", o Coro Masculino de Belgrado, un grupo feminino de Voces Búlgaras e a Orquestra de Cordas "Ensemble Nordesía" (constituídos en Galicia en 2002 como un proxecto esencial para a interpretación e difusión da creación musical do noso tempo baixo a dirección artística de Manel Rodeiro está integrada unicamente por novos instrumentistas galegos maioritariamente de Vigo).

Son poucas as ocasións nas que o público pode gozar deste espectáculo en toda a súa extensión, xa que nunha boa parte dos seus concertos Goran Bregovic adoita acompañarse dunha formación reducida; nesta ocasión o Concello de Vigo fixo un grande esforzo para que Goran Bregovic presente en exclusiva o seu espectáculo acompañado de todo o elenco artístico.
Descargar todas as imaxes