Escoitar

Abel Caballero demanda unha facultade de Medicina para Vigo

O alcalde anunciou en rolda de prensa que plantexará unha nova facultade de Medicina na cidade de Vigo “porque non se está a cumprir o acordo sobre a docencia hospitalaria” e cualifica a demanda de “imprescindible para o sur de Galicia”.

luns, 18 abr 2022

Abel Caballero sinala que é imprescindible unha nova facultade de Medicina para a Universidade de Vigo na cidade. “Non se están respectando os acordos de docencia hospitalaria. En Vigo debe haber unha facultade de Medicina para atender a demanda de tantos estudantes do sur de Galicia, cunha calidade docente nunha facultade en Vigo”, afirmou en rolda de prensa.

O alcalde sinala que o acordo “transitorio” entre os tres reitores “non se está a respectar”: “É un acordo de descentralización clínica, coa docencia nas prácticas, e non se respecta porque está centralizado en Santiago”, lamentou.

Di, ademais, que a nova facultade serviría para atender a demanda “de tantos estudantes do sur de Galicia e asegurar a calidade docente nas prácticas”. Tamén apuntou que “o nivel de estudantes en proporción á poboación de Galicia é a cuarta parte que noutras comunidades autónomas” e preguntouse “se o que impide a nova facultade de Medicina en Vigo é o centralismo en Santiago de Compostela”.

Caballero trasladará a súa demanda no Colexio Maior Universitario Santo Agostiño, en Santiago de Compostela, onde impartirá unha charla-coloquio a 150 estudantes, na súa maioría de Medicina, que invitáronlle a expoñer o modelo da cidade de Vigo.

Descargar todas as imaxes