Escoitar

O alcalde defende un “papel clave” para Vigo na “descentralización” do Instituto Español de Oceanografía

“Vigo ten que xogar un papel central no desenvolvemento e no futuro do Oceanográfico de España”, afirmou Abel Caballero, quen anunciou este luns que vai defender o centro vigués “con unllas e dentes”. O alcalde denunciou a inacción da Xunta e advertiu: “Exactamente igual que defendín esta cidade diante doutras institucións, agora defendereina diante do Goberno de España”.

luns, 18 abr 2022
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa na Alcaldía.
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa na Alcaldía.

Abel Caballero afirmou este luns que está “en contacto” co Ministerio de Ciencia para transmitirlle á súa titular a “reclamación” da cidade no tocante á descentralización do Instituto Español de Oceanografía, que pasa porque Vigo “xogue o papel que lle corresponde no conxunto das investigacións do ámbito pesqueiro e mariño de todo o mundo”.

Explicou o alcalde que a cidade presenta unha “enorme capacidade de investigación no seu Oceanográfico”, un Vigo que é “a cidade da pesca e do mar”, engadiu, “e non falo só de España, falo do mundo”. A este respecto, a urbe atesoura “niveis importantístimos de investigación no ámbito marítimo e oceanográfico” e unha flota de tres mil barcos. “Non quero entrar en competencia con ninguén, pero en algúns ámbitos teñen cento corenta”, manifestou.

Abel Caballero amosouse convencido de que Vigo debe desempeñar un rol “determinante no futuro do Instituto Española de Oceanografía, xogando un papel clave no ámbito da descentralización, porque reunimos todas as características”.

O primeiro edil vigués denunciou que, ante o Ministerio, “correspondíalle á Xunta facer as xestións en defensa de Galicia e non as fixo”, así que “as asumo eu”, para “poñer en valor a importancia de Vigo”.

“Xa estou en contacto co Ministerio e exactamente igual que defendín esta cidade diante doutras institucións, agora defendereina diante do Goberno de España, con todas as súas consecuencias”, advertiu Caballero en rolda de prensa. “E vou seguir defendendo Vigo contra calquera institución e calquera organismo que non recoñeza os dereitos, a calidade e a importancia desta cidade, neste caso, o Instituto Oceanográfico de Vigo”, concluíu.

Descargar todas as imaxes