Escoitar

O Concello destina 91.000 euros para programas de promoción da muller

A Xunta de Goberno Local deu luz verde na última reunión ás bases reguladoras da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas e/ou actividades de promoción das mulleres durante o exercicio 2022.

luns, 18 abr 2022

Este luns, en rolda de prensa, o alcalde explicou que o obxectivo desta convocatoria é atender as demandas das mulleres no que respecta á igualdade, valores feministas e apoio en diversas áreas: educación en igualdade, conciliación e corresponsabilidade, empoderamento e liderado, emprego e formación, violencia de xénero, atención á diversidade e promoción da saúde e o benestar.

Ademais con esta convocatoria de 91.000 euros, o qoberno de Abel Caballero quere potenciar o asociacionismo feminino, para visibilizar ben os factores de empoderamento e favorecer actividades de investigación para poñer en valor a contribución da muller á sociedade. A convocatoria efectúase baixo os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, desde o día seguinte á súa publicación no BOPP.

Coral Casablanca

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a subvención nominativa mediante convenio coa Fundación Coral Casabranca para o financiamento do programa de concertos 2021-2022 que ten un importe de 27.500 euros. O programa inclúe 9 recitais, tres dos cales xa se realizaron en decembro e marzo. Os outros seis terán lugar o 20 de maio, o 10, 18 e 25 de xuño; o 24 de setembro e o 5 de novembro. Explicou Caballero que, no ámbito musical, o Concello ten subscrito un acordo de 195.000 euros con Acopovi, a Asociación de Corais Polifónicas de Vigo, que coordina aproximadamente a corenta corais na cidade.

Club Ciclista Rías Baixas

O rexedor deu conta tamén da aprobación da proposta de subvención a favor do Club Ciclista Rías Baixas como entidade de elite de Vigo para a dinamización do seu proxecto deportivo na temporada 2021-2022 cun importe de 10.000 euros. Segundo expuxo, o Club Ciclista Rías Baixas conta cun equipo de elite, que participa na primeira categoría e desenvolve a súa actividade en Vigo promovendo o deporte da cidade. Neste ano 2022 o goberno municipal dedica case medio millón de euros ás entidades deportivas de elite viguesas: Coruxo FC, C.D. Bosco, Amfiv, Club Vigo Voleibol, Sárdoma CF, Mosteiro Bembrive, Club Atletismo Feminino Celta, Real Club Celta de Atletismo, SD Carballal, Trasnos Béisbol Club e o xa citado Club Ciclista Rías Baixas.

Axudas de emerxencia

A comisión de axudas de emerxencia acordou na última reunión a concesión de 106 novas axudas por importe total de 18.335 euros. 96 axudas serviron para pagar gastos relacionados coa vivenda, por valor de case 16.000 euros (o 86% do total); 38 axudas para alugueiro, 1 para débedas coa comunidade de propietarios, 22 para aboar pagos de auga, 24 para luz e 11 para gas.

O alcalde apuntou que as axudas céntranse nestes momentos en evitar desafiuzamentos, “no apoio á vivenda a familias que precisan apoio adicional”. Desde o inicio da pandemia o goberno municipal entregou xa 17.445 axudas sumando 51.0000 beneficiarios en total.

 

 

 

Descargar todas as imaxes