Escoitar

Vigo, cun 82% de ocupación hoteleira, propón converterse en referencia turística na Semana Santa

“Incorporaremos Vigo ao ámbito turístico da Semana Santa de España”, avanzou este luns Abel Caballero, quen anunciou que se traballa en “ideas que van transcender á celebración tradicional” de cara ao ano que vén. “Como no Nadal somos unha referencia, pois queremos selo tamén na Semana Santa”, manifestou o alcalde.

luns, 18 abr 2022
O alcalde presenza a actuación da Coral de Zamáns na procesión do Xoves Santo
O alcalde presenza a actuación da Coral de Zamáns na procesión do Xoves Santo

Segundo os datos ofrecidos este luns polo alcalde, a cidade rexistrou nos festivos unha ocupación hoteleira do 82,4%, sendo o venres o mellor día con cifras que superaron o 90%. No total da semana, os aloxamentos vigueses aproximáronse ao 70%.

Abel Caballero valorou a “altísima” ocupación hoteleira en Vigo, “unha cidade na que a Semana Santa non tiña a máis mínima dimensión turística” e recordou que o Concello subvencionou os actos da festividade deste ano con 15.600 euros. Entre as actividades, o alcalde destacou o Encontro, acto recuperado logo de dúas décadas sen celebrarse.

Cos datos na man, o primeiro edil vigués considerou que “a Semana Santa ten recorrido na cidade”, polo que Vigo xa planifica a do próximo ano: “Xa estamos traballando nas ideas da Semana Santa do ano que vén cos organizadores, con ideas que van transcender á celebración tradicional”.

“Incorporaremos Vigo ao ámbito turístico da Semana Santa de España”, anunciou Caballero, quen fixou como exemplo o éxito acadado pola cidade noutra campaña. “Como en Nadal somos unha referencia, pois queremos selo tamén na Semana Santa”, mais “temos que ser unha referencia distinta”, matizou en relación á proposta doutras urbes do país.

Descargar todas as imaxes