Vigo seguirá abastecéndose da auga do río Oitavén, de “calidade excepcional”
Esta é unha das conclusións do estudo definitivo que vén de recibir o Concello da Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre as alternativas para garantir o abastecemento futuro de auga en Vigo e na zona sur da provincia de Pontevedra. “Estamos enfocando a resolución do problema da auga para os próximos cen anos”, sinala o alcalde.
Abel Caballero explicou este martes en rolda de prensa que o informe “dá “enteiramente a razón a Vigo” e conclúe que a cidade “vai estar sempre abastecida da auga procedente do río Oitavén e da confluencia do Verdugo co Oitavén; é dicir, da conca desta zona”. Tamén chegará auga do Miño para outros municipios, non para Vigo.
O rexedor puxo en valor a conca do río Oitavén da que “queremos seguir sendo abastecidos” xa que a auga chega por gravidade, sen necesidade de bombeo, “é absolutamente limpa, de calidade excepcional, sen necesidade de pasar por depuradora”. O estudo conclúe tamén que é preciso mellorar a condución de auga desde Eiras ata a potabilizadora de Vigo, en particular no túnel de Amoedo, que debe duplicar a súa capacidade para ter máis caudal cando sexa necesario, algo que “compartimos enteiramente”.
Caballero apuntou que a presa de Eiras é pequena en relación ao consumo que abastece; “estaba pensada para o Vigo de hai 30 anos” e, dado o cambio climático, é posible que o seu caudal sexa insuficiente para abastecer a cidade no caso de que se producise unha seca de varios meses. No caso de que esa situación de seca se dera agora, a solución pasaría por un transvase e captación de auga na confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo cara Vigo, que sería provisional ata que, a longo prazo, se habilite unha pequena presa augas arriba do encoro de Eiras, no leito do Oitavén, que servirá de almacén de abastecemento para Eiras, e que xa non faría necesario o transvase de emerxencia.
O estudo sinala que estas actuacións garantirían o abastecemento de Vigo e os concellos de Moaña, Cangas, unha parte de Redondela e unha parte de Mos, que reciben auga da potabilizadora de Vigo, mentres Zamáns recibiría auga do Miño e abastecería a zona do Val Miñor.
O obxectivo do estudo, realizado pola empresa PROTINTEC durante 18-20 meses, é mellorar a regulación e o almacenamento de auga para garantir o abastecemento de Vigo e outros 14 municipios: Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui, Ponte Caldelas, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.
Abel Caballero resaltou a importancia deste estudo que achega as claves para “enfocar a resolución do problema do abastecemento da auga da cidade para os seguintes 100 anos” e agradeceu ao Goberno de España que “estea apoiando a Vigo na resolución de seguramente o noso problema máis grave”.
Ademais, sinalou que dentro dun ano a nova potabilizadora do Casal estará en funcionamento xa que o Concello avanzan na súa construción, “pagada por Vigo”, cun investimento de 25 millóns de euros aproximadamente, para a que cidade pediu a cooperación da Xunta porque vai dar auga a Cangas, Moaña e parte de Redondela e Mos pero “a Xunta dixo que non a pagada. Unha vez máis dá as costas á cidade”.
O rexedor lembrou a “fortísima seca” sufrida no ano 2017, cando Vigo propuxo, entre outras solucións, o abastecemento de emerxencia na zona de Eiras, ao que se negou a Xunta de Galicia “deixando tirada a cidade” e iniciando posteriormente un “ataque feroz a Vigo criticando a calidade da auga e chegando a poñer unha multa que vén de ser revocada polos tribunais”. Apuntou que non foi ata o Goberno de Pedro Sánchez cando se encargou este estudo que agora achega conclusións para solucionar o abastecemento de auga da cidade.