Caballero di que o Campionato de España de Vaurien, esta Semana Santa, "pon a Vigo no lugar que lle corresponde"
O alcalde de Vigo desexou ao vigués Antonio Pérez, "Tone", vixente campión nacional da clase Vaurien, que reedite o título en Vigo esta Semana Santa. "Xa sei que vas gañar", lle dixo na presentación do 58 Campionato de España de Vaurien, evento programado para este mesmo xoves (do 14 ao 17) e que patrocina o Concello de Vigo como paso previo ao Campionato do Mundo de xullo, tamén en augas de Ría de Vigo e co Real Club Náutico como organizador.
O rexedor amosou a súa "gran satisfacción" pola disputa do Nacional en Vigo e por contar "co número 1 da vela", en referencia a "Tone", presidente de AsVaurien España ademais de regatista. "O Náutico e Vigo seguen a ocupar o sitio, e ocupar o sitio en vela é unha tarefa complexa que só conseguen os grandes clubs e deportistas", destacou.
Para Caballero, o Vaurien "é algo importante porque o seu logo leva a uve de Vigo e temos que facer da uve do Vaurien a de Vigo, que está dando a volta ao mundo".
Esta Semana Santa unha flota de cincuenta barcos e cen tripulantes de Galicia, Cataluña, Madrid, as dúas Castelas, Cantabria, Estremadura, País Vasco, Murcia, Comunidade Valenciana e Andalucía competirá en augas viguesas. Que Vigo sexa a súa sede e que "Tone" estea inmerso co Náutico na organización do evento é, para o xefe do goberno municipal, motivo de dobre satisfacción, "primeiro porque é poñer a Vigo no lugar que lle corresponde, liderando a vela cunhas poucas cidades do mundo; e segundo porque é mostrar un gran campión", manifestou. A presentación contou coa presenza dun grupo de nenos e nenas regatistas do club e a eles se dirixiu: "Dentro de pouquiño seredes os e as que naveguedes nas categorías absolutas".
O alcalde, ademais, sinalou que verá co Náutico un problema na cúpula "que temos que arranxar; poñémonos ao choio porque ademais de todo está a historia, que é moi importante". Caballero explicou que a sede do club vigués é un edificio "de gran perspectiva arquitectónica e histórico e por iso seguiremos cooperando".
Na presentación no Salón Nobre do Náutico, á que tamén acudiu Manel Fernández, concelleiro de Deportes, o presidente da sociedade, José Antonio Portela, agradeceu todo o apoio municipal para este Nacional, que é "Trofeo Concello de Vigo".
"Tone" defenderá o título conquistado o ano pasado en Laredo coa tamén viguesa Laura Llópiz como tripulante. Ademais da flota española haberá regatistas italianos e portugueses para preparar o Mundial, que vai ser no mesmo campo de regatas.