O Concello ofertará 674 vacantes nas escolas infantís, completamente gratuítas
O goberno de Vigo aprobou este venres as normas para adxudicar as prazas dos centros municipais de cero a tres anos no próximo curso, coa principal novidade da gratuidade total do servizo, incluíndo o comedor, explicou Caballero. Ademais, o consistorio tamén lanza a convocatoria de subvencións para proxectos sociais.
A Xunta de Goberno Local validou este venres a normativa de adxudicación das prazas e matrícula nas nove escolas infantís municipais. No curso 2022-2023, o Concello sacará 674 vacantes para nenos e nenas de cero a tres anos, todas totalmente gratuítas “e o financiamento neste momento é ao 100% do Concello de Vigo”, asegurou Caballero.
A completa gratuidade das escolas infantís municipais é a gran novidade da normativa no próximo curso. A diferencia do anunciado para os centros propiedade da Xunta de Galicia, os do Concello inclúen os servizos complementarios, como o comedor, por exemplo, segundo subliñou Caballero en rolda de prensa. O Concello manterá os criterios socioeconómicos vixentes á hora de adxudicar as prazas, que contemplan o baremo de renda, primando a aquelas familias con menos posibilidades económicas.
O Concello adica anualmente 2.338.000 euros ao seu funcionamento, “un diñeiro magnificamente utilizado”, segundo o alcalde, quen recordou que ademais Vigo abona outros 205.000 euros á Xunta de Galicia para a xestión das escolas de titularidade autonómica. Neste aspecto, Caballero afirmou que “a competencia das escolas infantís é exclusiva da Xunta de Galicia”.
As 674 vacantes nas nove escolas infantís municipais se distribúen da seguinte maneira: 82 na de Atalaia-Teis, Navia e na de Bembrive, 80 en Bouzas, 78 en Mestres Goldar e Tomás Alonso, 72 en Saiáns, 76 en Lavadores e 44 en Santa Marta. Ao respecto da do Casco Vello, afectada polo desenvolvemento urbanístico do Barrio do Cura, as familias serán trasladados á futura nova escola infantil municipal da Praza da Industria, unha vez conclúan as obras de adaptación do espazo.
O prazo de solicitudes abrirase o próximo martes, 29 de marzo. No caso de quedar prazas dispoñibles, o Concello habilitará en setembro unha convocatoria extraordinaria, aberta ata o 31 de xaneiro do seguinte ano, para adxudicar as eventuais vacantes.
Proxectos sociais
Por outra banda, o goberno de Vigo validou as bases e a convocatoria para subvencionar actividades de carácter social que realicen entidades sen ánimo de lucro. Este ano, o Concello incrementa un 40% o orzamento, que se eleva ata os 70.000 euros, tal e como trasladou Caballero.
O programa municipal –que o ano pasado axudou económicamente a un total de trinta e seis proxectos– contempla a resolución da convocatoria por concorrencia competitiva, subvencionando accións que teñan como destinatarios un ou varios dos seguintes colectivos: infancia e familia, maiores e discapacitados, emigrantes, inmigrantes e minorías étnicas, persoas marxinadas sen fogar e persoas con adicións.
Este ano, o goberno presidido por Caballero reforzou a puntuación que se concederá aos proxectos que traballen catro liñas estratéxicas. Estas son a soidade non desexada dos maiores, a igualdade de xénero e o empoderamento da muller, a adquisición da competencias dixitais dos colectivos vulnerables e facilitar o acceso á vivenda destes.
Como é habitual, o prazo de presentación de candidaturas se abrirá logo da publicación oficial do extracto da convocatoria. As solicitudes poderán presentarse durante un mes de duración.
Cineclube Lumiére
Por último, a Xunta de Goberno Local aprobou a subvención mediante convenio coa Asociación Cineclub Lumiére Vigo cooperar con 10.000 euros na súa programación de filmes en versión orixinal. As proxeccións, os luns ás 20 horas no Auditorio municipal do Concello, continuarán ata o mes de novembro.